Despedímonos ata outubro coa sesión Kerouac

kerouac

  • Secretos cadernos garabateados, e páxinas salvaxemente mecanografadas para pasalo ben.
  • Submiso a todo, aberto, á espreita.
  • Nunca te embebedes fóra da casa.
  • Namórate da túa vida.
  • Algo que ti sentes atopará a súa propia forma.
  • Sé tolo e inocente, santo da mente.
  • Sopra tan profundo como queiras soprar
  • Escribe tan ao fondo como queiras desde  o insondábel da mente.
  • As visións indecíbeis do individuo.
  • Tics premonitorios que producen calafríos no peito.
  • Soñando en trance obsesivo co obxecto diante de ti.
  • Rexeita inhibicións literarias, gramaticais ou sintácticas.
  • Contar a verdadeira historia do mundo en monólogo interior.
  • Loita para bosquexar o fluxo que xa existe intacto na túa mente.
  • Non temas nin te avergoñes da dignidade da túa experiencia, linguaxe e coñecemento.
  • Escribir para que o mundo lea e vexa as túas imaxes precisas del.
  • Compoñer salvaxemente, sen disciplina, puro, vindo desde abaixo, canto máis tolo mellor.
  • Eres un xenio todo o tempo

(…) de Belief & Technique for modern Prose

Son algúns dos consellos que Jack Kerouac escribiu a petición de Allen Ginsberg para explicar o seu método de “prosa espontántea”. Xustamente o carácter automático da súa lírica, emparentado coa improvisación de jazz e coa meditación budista, fan difícil a tradución dos seus versos.

Nesta derradeira sesión de Picaversos faremos un intento. O martes 18 de xuño ás 21 h. no Modus Vivendi achegarémonos a algúns dos poemas do lexendario autor da xeración beat, da man de Comba Campoy, xornalista, actriz e investigadora; e Bernardo Martínez, músico improvisador. Entre os dous xogarán cos haikus e os coros do  San Francisco Blues ou Mexico City Blues, entre outros traballos poéticos do autor nunca antes traducidos.

Penúltimo Picaversos do curso baixo o lema “líquidos”

O ciclo de lecturas poéticas PICAVERSOS chega á recta final do curso cunha sesión moi especial baixo o epígrafe “líquidos”. Con esta son xa 31 sesións onde participaron 92 convidados de toda índole: poetas, músicos, actores, xornalistas, editores, etc. que convocaron a unhas 1.400 persoas de público.

Ana Romaní, Baldo Ramos e Chus Pato son os convidados da noite do martes 4 de xuño, a penúltima sesión que acolle o pub compostelán Modus Vivendi. Tres dos poetas máis recoñecidos do noso país escollerán a partir das 21 h. os seus textos preferidos arredor do líquido, que é o tema proposto para esta ocasión.

Picaversos naceu en outubro de 2011 co obxectivo de expandir a poesía fóra dos libros e visibilizala fóra do eido exclusivamente literario. Con dúas ou tres sesión ao mes, Picaversos -coordinado polas poetas Olalla Cociña e Branca Novoneyra- foi reunindo voces diversas, sen espazo conxunto nas programacións institucionais, e facéndose cun público tan fiel como heteroxéneo. O ciclo contribuíu á recuperación do recital en Compostela, do pracer de ler en voz alta e da escoita nuns encontros, por únicos, irrepetíbeis, nos que tamén se picaron temas musicais relacionados co lema da noite. Houbo de todo: o soño, a ferida, a luz, a loucura, o silencio, algún monográfico -como a sesión dedicada o pasado ano a Lois Pereiro- e dúas jams participativas.

Picaversos apostou tamén polo traballo conxunto con iniciativas internacionais participando nun proxecto de POESÍA MURAL (que conecta distintas cidades europeas e sudamericanas nunha rede poética con proxectos como La Madrileña, La Porteña e La Parisienne) editando A Compostelana: unha folla poética que se puido pegar e ler na rúa.

A última sesión do Picaversos celebrarase o martes 18 de xuño cun monográfico especial sobre o poeta beat Jack Kerouac.

Mentres agardamos pola sesión de mañá deixámosvos as fotos da jam que fixeramos o 15 de abril.

 

Picaversos RAROS

O martes 21 de maio, logo da resaca do Día das Letras, teremos canda nós tres poetas ben diferentes entre si para armar unha sesión RARA. Coma sempre, agardámosvos ás 21 h. no Modus Vivendi.

Luz Pichel (Alén, Lalín)

Luz PichelLicenciada en Filoloxía Hispánica e profesora de ensino medio en Alcobendas, Madrid, onde reside desde o ano 1971, aínda que sempre se aproveitou do contacto abondoso coa súa aldea. É autora de libros de poesía en lingua castelá e en lingua galega; entre eles, El pájaro mudo (Premio “Ciudad de Santa Cruz de la Palma”), La marca de los potros (XXIV Premio hispanoamericano de poesía Juan Ramón Jiménez); Casa Pechada (XXVI Premio Esquío de Poesía en lingua galega).
Casa pechada ven de reeditarse na colección diminutos salvamentos da ed. Progresele co título Cativa en su lughar/casa pechada: o libro orixinal vai precedido dunha versión moi libre, antolladiza e en diálogo co orixinal, escrita desde o castrapo de Alén, entendido como segunda lingua dorida dun lughar, o seu, onde acotío se fala un galego ben coidado e benquerido.

María Lado

maria ladoNaceu nun 124 dun taxista de Cee camiño do hospital no
1979. Comezou a escribir co Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou das tres antoloxías editadas do colectivo.
Ten publicado cinco títulos individuais de poesía: A primeira visión (Letras de Cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (Xerais, 2002), berlín ( 2005), tamén en edición dixital e formato audiolibro musicado por Fanny e Alexander, nove (Edicións Fervenza,2009) Amantes (Caldeirón, 2011).
Participou en incontables revistas, volumes colectivos e antoloxías.
Destas últimas salienta, pola súa importancia, D’efecto 2000 (Letras de Cal, 1999), o volume 25 anos de poesía galega 1975-2000
editada pola Voz de Galicia (2003), As sonorosas cordas (Eneida, Madrid, 2005), o volume Por man propia (Bourel, 2005) e a antoloxía de poetas irlandesas e galegas To the winds our sails (Salmon Poetry, 2010).
Textos seus foron traducidos ao castelán, portugués, catalán, ruso,
irlandés e croata. Vive de recitar e para saber máis dela é bo preguntar. Tamén vale investigar no Google.

Séchu Sende (Padrón, 1972)

sechuIniciouse como poeta vinculado ao Colectivo Poético Serán Vencello, formando parte da xeración dos 90 e máis tarde revelouse tamén como un dos narradores de principios do século XXI. Foi un dos fundadores do proxecto editorial Letras de Cal, no que publica o seu primeiro libro Odiseas en 1998. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, como sociolingüista foi cofundador da Cooperativa Tagen Ata, Lingua e Comunicación. En 2003 gaña o Premio Blanco Amor coa novela Orixe. O seu libro de conxunto de relatos curtos Made in Galiza (2007) recibiu o Premio Anxel Casal ao Mellor Libro do Ano, concedido pola Asociación de Editores Galegos e foi traducido ao curdo e ao turco pola editora Avesta, e ao euskera pola editorial Txalaparta.

No ano 2010 publicou o libro ilustrado Animais, un conxunto de textos e deseños que forman un himno á vida natural e unha denuncia do progreso mal entendido, desde múltiples rexistros, desde a ironía e o humor até o surrealismo. En 2011 publicou O caçador de bruxas, unha historia sobre a liberdade de expresión, o galego exiliado Milo Chaos e o paraugas de Dancing in the rain. A súa última obra, autoeditada, é Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas, un libro de viaxes ilustrado polo autor onde se narra unha aventura autobiográfica no Curdistán norte, no estado turco, cunha aproximación ás emocións e ás experiencias do pobo curdo e ao seu conflito sociolingüístico.

Ten traballado en publicidade social e, neste campo, entre as súas creacións está a campaña para a Universidade de Vigo “Busco amante galego-falante”, lema que popularizou nun tema rock o grupo musical Sacha na Horta. Un dos seus versos, “Eu nunca serei yo”, foi transformado en tema punk polo cantautor O Leo i Arremecághona!.

Séchu Sende tamén é o creador do primeiro xogo de rol en galego, publicado polo Concello de Santiago e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, como actividade de dinamización do Correlingua, en 2002. Tamén é domador de pulgas no Circo de Pulgas Carruselo, máis coñecido como Galiza Pulgas Circus. Actualmente é profesor de lingua e literatura galega no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.