Así foi Wislawa

O último Picaversos estaba dedicado á grande poeta Wislawa Szymborska. Ela transformou o intre en abstracción e asombro centrada nunha continua reflexión sobre o tempo.

Os títulos dos poemas de Szymborska son certeiros, condensan o intre como pensaba Bachelard. Foi unha poeta atípica, non podía ler un libro enteiro, só poemas soltos, espazadamente. Falaba da concentración necesaria, da decisión de encher cada intre de sentido, de habitalo, de encarnalo. Isto é o que nos  emociona de Wislawa, poeta preferida de moitos lectores ocasionais de poesía. Ela téndenos unha ponte abstracta que conecta o máis concreto da existencia.

No ano 1996 recibiu Nobel. “Un desastre” dixo ela. Pero nós puidemos acceder á súa poesía en castelán. No inicio deste mes morreu en Cracovia,  cidade onde viviu dende os 8 anos. Emocionadas tiñamos prevista a presentación de  “Versos Escollidos”, Szymborka en galego por fin en Edicións Positivas. E seguimos co plan, estritamente,  xa que pensamos que a mellor forma de recordala e de celebrala era léndoa.

En Picaversos seleccionamos con moito tino os convidados de cada sesión. Procuramos sempre a pluralidade para que a amplitude de miras e de gustos reverta na riqueza dos encontros. Pero hai un requisito imprescindible: a lectura ou a posta en escena ha de ser coidadosa e os lectores e lectoras teñen que amar (ou odiar!) os textos que nos traen.

A parte baixa do Modus encheuse de expresividade, de intensidade e de paixón. Da elegante ironía de Wislawa. Así nola transmitiron as catro convidadas:  a xornalista Piedad Cabo, as poetas Olga Novo, Alicia Fernández e a actriz e escritora Paula Carballeira.

Olga Novo recitou os seus poemas favoritos: “Amor feliz” e “Amor a primeira vista”, e tamén “El bastón de laca” de Borges  e estoutro poema de José Ángel Valente. E da súa propia autoría “Pandeirada das tres cereixas”.

Alicia Fernández leu “Agradecemento”, “Posibilidades”, “Falta de atención” e “Aquí”. Paula Carballeira escolleu “Palabriñas”, “Vietnam”, “Fillos da época”, “Escribir un currículo”, “O odio” e “Exemplo”.  Piedad, que traía un broche chulísimo coa foto de Wislawa para a ocasión, escolleu “Prospecto”, “Na estación”, “Unha do montón” e “Nada de seu”.

Tivemos a sorte de que á sesión viñeron, ademais da tradutora do libro de Positivas, Lucía Caeiro, dúas rapazas polacas, Natalia e Ágatha, que leron o primeiro e último poema da sesión Wislawa na súa versión orixinal, en polaco. Nosoutras non sabemos nada de polaco, como a maioría dos que estábamos alí, pero soaba realmente ben. Alegre, poderoso e delicado, como a mesma Wislawa. Leron como se as palabras dela tivesen por debaixo un fiíño de música silvestre.

Proximamente, colgaremos algún vídeo da sesión… Prometido!!!

*Fotos Cortesía de Comba Campoy.

Advertisements

2 thoughts on “Así foi Wislawa

  1. Parabéns ás organizadoras do picaversos.Ao voltar para Galiza,para min foi moi importante descubrir de novo a poesía,a a creatividade enorme deste país.Tamén quero felicitar a edicions positivas por descubrirnos a esta poeta da Galitzia,e dende logo á tradutora xa que ten moito mérito.
    Noraboa de novo e que a poesía nos dé forza nestes tempos de mudanzas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s