Fíxose a noite

Manuel Darriba da man de Leopoldo María Panero, as bágoas na camisa da primeira comuñón, Mark Strand, Raymond Carver, quen me engana na noite, a risa como chuvia fina na branda noite, arden as mentes, farolas prendidas, a chuvia, o esquecemento que se fixo grande, a cabeza no forno, as cousas inertes, o cemiterio de San Cosme de Barreiros, a solemnidade no cantar dos rezos, o tanatorio e aqueles beizos pintados, a chuvia, os faros dos coches.

KAPUTT II
Homenaxe a Raymond Carver
 
Aparto os recibos mentres busco a cervexa.
Fóra hai carros de lixo e cans que enredan.
Nun recanto do apartamento
coitelos rañan nas tixolas.
As noites empezan a ser frías. O teléfono
estoupa coma unha uva ao sol.
E a conversa é moi breve:
-Lembra que non somos unha estirpe de covardes.
-Non, lembra ti
 que non somos unha estirpe de valentes.
 
Manuel Darriba, poema de Os indios deixaron os verdes prados (2011)

 

Clara Gayo e os señores da noite, os señores do lixo, que veñen sempre á mesma hora cabo do colector verde. O diálogo entre o señor do lixo e ela, que se tira ao colector porque é unha muller independente. O camión tamén fala. Noctifobia é a fobia á noite. Un soño con cordas. Andrea Nunes. Leopoldo María Panero, tamén, os tolos de Mondragón.

Pois eu esta noite saín. Si… Saín. Con alguén. Paseino quenindiola. Hostia, que ben. Saír con alguén é como botar por fóra e eu onte rebordei. Vaia peido. Quenindiós. Que guai. Había un plan clarísimo diante de min, despregado. Empezamos por relaxarnos e tomar unha copa para temperar a batalla, porque é o que se fai. Non hai présa, nen prosa, temos toda a noite, a noite por diante, e podemos ir de sitio en sitio. Porque nos toca. Hai que tomar as copas que faga falta como mínimo, temos a noite por diante e hai plan. Esta noite follo. Imos tomar outra copa, hostia, que non se diga, para que nos dea a risa e lle botemos morro. (…) Se fai frío ou chove, comentámolo, se fomos ao cine hai pouco, comentámolo, se hai obras na rúa, comentámolo. (…) Hoxe follo. Hoxe corro. Dicímonos cousas que non entendemos porque a música está moi alta pero é igual, a cousa é estar aí, ao rollo, ao follo, ao corro. (…) Contra as seis atrévome e achégome dunha maneira incisiva e suxestiva, pero en realidade dou un traspés e voo polo aire (voo raso) e coa viaxe encólleseme o estómago e vomítoche enriba.

Clara Gayo, texto de Agorafobia. Parálise sobre o medo, 2011


Celso: Gabriel Celaya, o silencio vasco, García Montero, o amor difícil, o lobo parado no medio do camiño, Avelina Quinteiro muda catro días despois de toparse con el, e tantos anos despois aínda se lle pón a pel de galiña, verlle as intencións a moita xente pola noite, chegar da festa e o pracer de meterse na cama coas sabas dos avós, a sensación dos peíños tocando as iniciais bordadas, algunhas flores que se pechan pola noite, escoitar o renxer do eixo da terra xemendo, contar as brasas de cinco pitillos, cinco homes fumando na noite pecha.

Onde o tirando prá noite se xunta coa alborada do día

Se un vai por un campo
ha ver moitas flores que se pechan cando se fai noite
De noite a un rompéronlle a cara
e a outro déronlle a vida
De día non se ama
coma de noite
Non se ama igual

Un tacto máis extremado e unha curiosidade máis cega

A miña orina deste venres pasado, ás tres e menos cinco da noite
que bonita era
E como brillan os letreiros de ‘compro oro’ pola noite



Coa lúa vese coma de día ou mellor
As cámaras de visión nocturna
Os ollos con fósforo ven pola noite


Botala noite no hospital

Ir de noite polos camiños

Bailar nas festas pola noite

+

Unha copla escoitada en Zobra, alí sábena todas:

Toda a noite me traes
Atravesando pinares
Namáis por te ver a ti
cara de quita-pesares
Celso Fernández Sanmartín, inédito.
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s