E con agosto Picaverán Surrealistas

Estamos contentas de anunciarvos que co gallo do centenario do nacemento do artista Eugenio Granell -o maior expoñente galego do surrealismo, que viviu a súa nenez e xuventude en Santiago, onde ten a sede a súa Fundación– Picaversos organiza especialmente para o Feito a Man, dúas sesións SURREALISTAS, que veñen a unirse aos actos conmemorativos que se están a celebrar na nosa cidade arredor da figura do pintor.

As citas son os venres 10 e 17 de agosto, desta vez saímos do Modus para expandir a poesía a outros lugares: o pub Momo e a Fundación Granell.

PICAVERSOS SIN RED: Venres 10 de agosto ás 21.00 h. no xardín do Pub Momo

Repertorio especial vangardas poéticas: o poeta Víctor M. Díez, que adoitar ler os seus propios poemas con SIN RED (pode facelos vibrar como o axóuxere dun neno ou basculalos como un camión de ferralla) introducirá nesta ocasión algún clásico das vangardas por sorpresa.

SIN RED é unha agrupación que fusiona música e poesía, voz e música, desde unha perspectiva contemporánea baseada na improvisación libre. A proposta de SIN RED vai máis aló da mistura de música e poesía, ese trasfondo réndese ao seu rigor improvisatorio e á súa radical contemporaneidade expresiva. Non hai acordos previos nin partituras. O poema e a súa música dilúense, fanse pó, para renacer na rescritura de voces e instrumentos. Unha aventura de liberdade e risco da que o espectador se sinte partícipe. SIN RED actuou en numerosos festivais do estado e estranxeiros: Francia, Reino Unido, Suiza, Austria, Alemaña, Rumanía ou Brasil, superando as setenta postas en escea. Ademais leva a cabo unha labor pedagóxica para artistas interesados na improvisación. Teñen gravado dous discos.

SIN RED baséase na escoita dos integrantes do grupo, a composición espontánea, que se enriquece en cada aparición pública nova. A compenetración dos seus membros permítelles practicar un repentismo que traspasa a actitude circense do “máis difícil todavía”: quere recollerse tanto nos matices particulares como na enerxía común para crear un espectáculo en combustión espontánea.

Os integrantes desta formación son: Chefa Alonso (saxo soprano, percusión miúda), Cova Villegas (voz), Víctor M. Díez (poesía, obxectos) e Ildefonso Rodríguez (saxos, clarinetes, flautas, xoguetes).

PICAVERSOS OURIOL con “Soños e poemas de Cirlot”: Venres 17 de agosto ás 21 00 h. na terraza da Fundación Granell

O grupo Ouriol está formado polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, xunto á poeta e recitadora Eva Veiga. Dende o 2000 veñen realizando proxectos co denominador común de conxugar música e palabra poética nun mesmo espazo e nun mesmo tempo co fin de acadar unha experiencia estética o máis integral posible.

Convencidos de que a vocación última de toda arte é a de comunicar e ser comunicada, Ouriol quere chegar a todos os públicos, dende rapaces a adultos. Para iso traballan con entusiasmo e rigor, compondo ex profeso a música polos propios intérpretes e facendo unha ben estudada escolla dos textos de modo que a actuación resulte amena e teña unha coherente unidade de forma e contido. O obxectivo esencial do grupo Ouriol consiste en comunicar do modo máis eficaz – significativa e esteticamente- a poesía das autoras e autores escollidos.

O ritmo recitativo dáse en perfecta avinza coa música interpretada en directo polos propios compositores. A música non é só un acompañamento, senón un acordo creativo que explora as insólitas posibilidades poéticas dos instrumentos de vento –frauta, saxo e clarinete-, de percusión e de outros mecanismos, como os xoguetes musicais.

Trátase, en efecto, de facer música, pero entendida esta no amplo sentido de “sonoridade”. Sonoridades que conforman atmosferas porosas nas que, xunto á propia música e á palabra, se mergulle o público en sensible respiración.

“Soños e poemas de Cirlot” é un espectáculo no que o Grupo Ouriol se centra nunha das figuras máis orixinais da poesía do século XX, Juan Eduardo Cirlot, en cuxa persoa se aúnan o músico, o poeta e o erudito nos eidos da arte, da literatura e mesmo da simboloxía. En todos estes ámbitos é salientable o seu labor de divulgación e tamén de creación, converténdose nun estudoso dos movementos artísticos de vangarda e nun dos especialistas máis importantes da particular poética e estética do surrealismo, movemento ao que se adscribe polo final dos anos 40.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s