Picaversos Surrealista con Ouriol

O segundo Picaversos Surrealista do Feito a man está protagonizado polo grupo OURIOL. A maravillosa terraza da Fundación Granell acollerá o espectáculo “Soños e poemas de Cirlot” este venres 17 de agosto ás 21 00 h.

O grupo Ouriol está formado polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, xunto á poeta e recitadora Eva Veiga. Dende o 2000 veñen realizando proxectos co denominador común de conxugar música e palabra poética nun mesmo espazo e nun mesmo tempo co fin de acadar unha experiencia estética o máis integral posible.

Convencidos de que a vocación última de toda arte é a de comunicar e ser comunicada, Ouriol quere chegar a todos os públicos, dende rapaces a adultos. Para iso traballan con entusiasmo e rigor, compondo ex profeso a música polos propios intérpretes e facendo unha ben estudada escolla dos textos de modo que a actuación resulte amena e teña unha coherente unidade de forma e contido. O obxectivo esencial do grupo Ouriol consiste en comunicar do modo máis eficaz – significativa e esteticamente- a poesía das autoras e autores escollidos.

O ritmo recitativo dáse en perfecta avinza coa música interpretada en directo polos propios compositores. A música non é só un acompañamento, senón un acordo creativo que explora as insólitas posibilidades poéticas dos instrumentos de vento –frauta, saxo e clarinete-, de percusión e de outros mecanismos, como os xoguetes musicais.

Trátase, en efecto, de facer música, pero entendida esta no amplo sentido de “sonoridade”. Sonoridades que conforman atmosferas porosas nas que, xunto á propia música e á palabra, se mergulle o público en sensible respiración.

Soños e poemas de Cirlot

Neste espectáculo Ouriol céntrase nunha das figuras máis orixinais da poesía do século XX, Juan Eduardo Cirlot, en cuxa persoa se aúnan o músico, o poeta e o erudito nos eidos da arte, da literatura e mesmo da simboloxía. En todos estes ámbitos é salientable o seu labor de divulgación e tamén de creación, converténdose nun estudoso dos movementos artísticos de vangarda e nun dos especialistas máis importantes da particular poética e estética do surrealismo, movemento ao que se adscribe polo final dos anos 40, coincidindo coa formación do grupo artístico Dau al Set de clara inspiración surrealista e en cuxas actividades el mesmo participa. Amigo do poeta francés André Breton, autor do Manifesto surrealista de 1924, Cirlot afondará nas diversas manifestacións que teñen que ver con este ideario publicando dous libros fundamentais: Introducción al surrealismo e  El mundo del objecto a la luz del surrealismo.

Transgredir o real é chave na obra de Cirlot, en especial no que aos soños e á súa poesía se refire, achegándonos sempre  unha voz suxestiva, necesaria “para llegar a un jardín en el que los deseos irrealizables tengan una fuente o un árbol mágico que canta”, segundo as súas propias palabras.

A escolla de poemas para este recital realízase a partir da súa obra poética completa e tamén dun dos seus libros máis coñecidos e enigmáticos, 88 Sueños. Unha selección de textos traducidos ao galego pola profesora e crítica literaria Teresa Seara.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s