Lembrando o SILENCIO

Non callou a neve a noite que nevou en Compostela, pero deixou entrar de vagariño o silencio de Miguel Ángel Curiel, Helena de Carlos e Gonzalo Vázquez. Velaquí algunhas fotos para lembrar a sesión máis silenciosa, a track list das lecturas dos convidados e un emocionante fragmento das Xeórxicas de Virxilio que nos deixou Helena de Carlos ao que lle puxo sentido e voz para nosoutros esa noite.

TRACK LIST:

Miguel Ángel Curiel: Textos propios.

Helena de Carlos: Fragmentos traducidos por ela mesma da Eneida e das Xeórxicas de Virxilio. Último poema do seu libro “Vigo”.

Gonzalo Vázquez: Textos propios, de Antonio Gamoneda, Pasolinni e un poema de Alfredo Zitarrosa na súa voz.

Virxilio, Xeórxicas, 4, 485-527
Regresaban tras esquivar os azares todos
E chegaba ao mundo exterior coa súa Euridice
que lle viña atrás, tal fora a lei de Proserpina,
cando colleu ao amante unha súpeta loucura,
digna de perdón, se os mortos perdoar soubesen.
Trouxo de volta a Euridice, e baixo esa mesma luz
esqueceuse, ai, e tranquilo tornou ollar: alí
desbotou todo afán e roto quedou o pacto
do tirano, e tres veces troou no lago infernal.
Dixo ela: Orfeo: quen nos perdeu a ti e a min,
que loucura é esta?: de novo atrás chámanme
os fados, e o sono pousa nos meus ollos vagos.
Adeus: lévanme e a noite inmensa arrodéame
mentres che tendo en van as mans e xa non son túa.
Falou, e ao punto fuxiulle dos ollos cal fume
que se perde na brisa lixeira e aínda que
el prendía en van as sombras e moito quería
dicirlle, nunca máis se viron, nin o porteiro
do inferno deixouna ir alén da linde do encoro.
Que facer? Onde ir, privado outra volta da muller,
con que pranto, con que voz  conmovería os Manes?
Ela aboiaba xa fría na dorna da Estixia.
Disque el sen falta, cada sete meses do ano
Baixo a elevada rocha onda o Estrimonio deserto
Choraba calado e teimaba na cova fría
Amolecendo as feras, dando pes á aciñeira;
Como o triste reiseñor á sombra da árbore
Laia a ausencia dos seus fillos que o labrego duro
Levoulle do niño así que naceron, mais el
Chora á noite e sentado na triste póla canta
O canto que colma o espazo de tristes laios.
Ningún novo amor, ningún casamento o dobregou:
El so percorría os xeos hiperbóreos,
O Tanais nevado, os eidos casados co xeo
Na procura de Euridice e do que o inferno alí
Levou e mentres tal facía as nais dos ciconos
Que en orxías a  Baco de noite celebraban
O mozo esgazaron e espallaron polos campos.
Tamén daquela a cabeza quitada do corpo
Mentres o río en remuíños a revolvía
Coa mesma voz e a lingua xa fría Euridice,
Ai pobre Euridice, chamaba, case sen aire.
E á beira por todo o río espallaba Euridice.

Advertisements

One thought on “Lembrando o SILENCIO

  1. Pingback: Vídeo resumo da sesión do Silencio | picaversos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s