Fotos Picaversos de Amor

Crónica de Alba Herre en Compostimes.

Track list de autores lidos:

-Pablo Fidalgo: Textos propios (libro inédito de poemas).

-Claudio Rodríguez Fer: Safo, Novoneyra, André Breton, Léo Ferré, textos propios.

-Renata Otero: Lupe Gómez, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Cortázar, textos propios (inéditos).

E por fin, o amor

O escritor Claudio Rodríguez Fer, a artista Renata Otero e o actor e escritor Pablo Fidalgo virán ao Picaversos de AMOR este martes 6 de novembro. As obras deles tres están atravesadas polo amor, un dos temas por excelencia da poesía de todos os tempos. Será un pracer velos e escoitalos.

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER publicou os poemarios eróticos Poemas de amor sen morte, Tigres de ternura, Historia da lúa, A boca violeta e Cebra, reunidos en Vulva e antologados en A muller núa, así como Cinepoemas, Lugo blues, Extrema Europa, A unha muller descoñecida e Moito máis que mil anos, (antoloxía céltica efectuada por María Lopo), Rastros de vida e poesía e A loita continúa, Viaxes a ti, Ámote vermella, Unha tempada no paraiso e Amores e clamores (Poesía reunida). É autor de diversas obras narrativas que foron reunidas en Contos e descontos e críticas -como A Galicia misteriosa de Ánxel Fole, Poesía galega, Antonio Machado e Galicia, Arte literaria, A literatura galega durante a guerra civil, Acometida atlántica, Ánxel Fole. Vida e obra, Guía de investigación literaria e máis dunha vintena de edicións arredor de moi diversos autores.

Foi catedrático de ensinanza media en  Galicia e profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña (cuxa universidade vén de distinguilo co título de Doutor Honoris Causa) e de Santiago de Compostela (onde dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética). Recibiu diversos premios, foi traducido a numerosos idiomas e realizou obras cos artistas Granell, Ochoa e Sara Lamas, así como a carpeta A vida. Gravados sobre corpo.

RENATA OTERO é unha artista multidisciplinar, licenciada en Belas Artes e doutora en Historia do Arte. A súa obra inscríbeuse na autorrefencialidade durante 15 anos en traballos próximos ao diario, a crónica persoal, o autorretrato ou a autobiografía. E desde disciplinas tan diversas como a pintura, a fotografía, a banda deseñada, o vídeo, a literatura, a performance ou a instalación. Nos últimos anos expandiu o seu punto de vista cara un “eu colectivo” que lle permite reflexionar con maior liberdade sobre diversas causas, moitas delas feministas.

Como artista plástica acadou diversos premios (Bolsa Novos Valores de Pintura. Deputación de Pontevedra 1998, Finalista na Bienal de Pintura do Museo de Arte Moderno de Tarragona 2006; Finalista no Premio Nacional de Pintura Fundación María José Jove. A Coruña 2006…) e desenvolveu unha intensa traxectoria expositiva. Amosou traballos seus na Casa da Parra, no Auditorio de Galicia, no Museo Granell; na Casa das Artes de Vigo e o CGAC, entre outros. A súa obra aparece reproducida en ducias de catálogos desde meridianos tan diversos como  Tailandia, Barcelona ou Compostela.

Renata aproximouse de noviña á creación de banda deseñada gañando varios premios; probou a literatura e ilustración infantil co texto Mola que chova (Galaxia 2004). Leva un ano con unha sección fixa na revista Andaina, onde fala de mulleres artistas que crean en primeira persoa, está a piques de publicar o seu segundo libro infantil: Mamá é superwoman e rematando de darlle forma ao seu primeiro libro para adultos.

A web de Renata: www.renataotero.com

PABLO FIDALGO LAREO publicou La educación física (Pre-textos), elexido por El Cultural como un dos cinco mellores libros de poesía publicados en 2010 e a plaquette El tiempo de las tragedias absurdas (Fundación Cuña-Casasbellas, Pontevedra, 2012). Gañou o Premio Injuve de Poesía 2012 con La retirada. Os seus textos foron recollidos en varias antoloxías e traducidos ao portugués, inglés, francés, polaco e persa. Participou, entre outros, no Festival Internacional de Poesía Cosmopoética 2007 en Córdoba, e no Festival Internacional de Poesía de Barcelona 2011. En galego escribiu A idade do ar, que gañou o accésit do Premio Minerva 2002. Entre 2013 e 2014 intentará publicar os libros que está escribindo en Portugal e que aclaran estes confusos anos da súa vida.

Dende 2004 forma xunto a Itsaso Arana, Celso Giménez e Violeta Gil a compañía La Tristura, coa que fixo cinco pezas. O ultimo foi Materia Prima, que foicandidato aos Premios Max. Os seus textos foron publicados polos Pliegos de Teatro y Danza. Colabora como comisario independente co Museo de Arte Contemporáneo de Vigo.

Webs: www.laeducacionfisica.wordpress.com, www.latristura.com.