Vídeo resumo dos Picaversos da AVENTURA

Lembramos a emocionante sesión da AVENTURA do pasado 26 de marzo coa presenza e a voz de tres grandes recitadores: Anxo Angueira, Silvia Penas Estévez e Márcio-André. O vídeo resumo está feito por AUPA.

 

Advertisements

PICAVERSOS DA AVENTURA

O martes 26 de marzo lembramos ós poetas aventureiros como Cravan, Gary Snyder ou o mítico Rimbaud que dixo aquilo de Por delicadeza, perdín a miña vida e inmediatamente esvaeceuse en África. Os tres convidados da sesión guiarán unha viaxe poética pola aventura.

Anxo Angueira

Anxo Angueira (Manselle, 1961), profesor da Universidade de Vigo, vén desenvolvendo a súa actividade investigadora no ámbito literario, centrándose no Rexurdimento (especialmente en Rosalía de Castro e na obra de Méndez Ferrín, sobre quen realizou a súa tese Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009). Realizou diferentes gravacións de recitados e dirixiu o Proxecto Rosalía 21. Como poeta destacan os seus títulos O valo de Manselle (1996) e Fóra do sagrado (2007 e no da narrativa obras como Bágoas de facer illas (1997), Pensa nao (1999), Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (2002), A morte de A. (2003) e Iria (2012). Desde xuño de 2012 é Presidente da Fundación Rosalía de Castro.

silvia_penas

Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) realizou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, cidade onde mora a día de hoxe. Exerce como profesora de lingua e literatura galega, ademais de dedicarse a outras tarefas profesionais. Como escritora, a súa obra foi galardoada en diversos certames tanto de narrativa como de poesía, entre os que cómpre mencionar o Premio de Poesía da Universidade de Vigo en 2005, co poema en cinco partes Neste bosque. Cun conxunto de textos intitulado A tiranía do des foi premiada en 2007 no Certame Galego de Creadores Novos Gzcrea. Ten participado en numerosos recitais, nomeadamente como membro do colectivo Redes Escarlata. A súa pertenza a esta asociación socio-cultural e o ensino da lingua galega unírona á tamén escritora e lingüista Elvira Riveiro. Con ela escribiu Biografía da multitude, Premio de Poesía Victoriano Taibo 2009.

Márcio-André

Márcio- André naceu en Rio de Janeiro e vive en Compostela. Escritor, artista sonoro e visual. Publicou catro libros de poesía e ensaios. Tradutor, formador e colaborador de diversos medios brasileiros e internacionais, os seus escritos antologáronse dentro e fóra do Brasil e traducíronse a dez idiomas. A súa poesía híbrida e radicalmente experimental expándese no vídeo, a instalación e o arte de acción. Na súa web poderedes ler ou escoitar poemas, visitar performances, consultar críticas e visualizar imaxes ou vídeos dos seus traballos.

Agardámosvos o martes ás 21.00 no Modus Vivendi para escoitar poemas de aventuras.