A ferida de Eva Veiga, Estevo Creus e Mónica de Nut

Outro Picaversos máxico o de onte. Mágoa que non nos foi posible gravar aos convidados, e non temos ningún recordo audiovisual da sesión dos FERID@S… Se cadra hai cousas que teñen que ser así: só para quen tivo a sorte destar nun lugar, nese momento. A noite única dun martes de outubro onde unhas sesenta persoas nos asomábamos á alma revelada de Eva, seguíamos os pasos apurados de Estevo e nos conmovíamos coa voz de Mónica.

As mans de Eva enléanse na súa propia voz e núa, esencial, recita poemas do seu último libro, A frecha azul do teixo, un poema inédito que dedicou a Margarita Ledo, un poema de Lois Pereiro e outro de Luisa Villalta. Nosoutros: respirala en absoluto asombramento, deixarse ir canda a ela.

Estevo: a súa música en construción para desbagullar textos de Marcos Lorenzo, Carlos Oroza, Celso Fernández Sanmartín, Fernando Arrabal, Luisa Castro e J. Carlos Valle “Karlotti”. E logo os seus propios lugares de area silvestre en lingua de licor café: estrelecidos animais vai ceibando que veñen a refuxiarse aos nosos petos.

E Mónica deitándonos a flor de pel o L’amento de Arianna (Monteverdi), o L’amento della ninfa (Monteverdi), If love’s a sweet passion (Purcell), Music for a While (Puecell) e a Voz soa (Mónica de Nut). Vibran os vasos, as cervexas, sentimos moverse lenemente as pedras milenarias sobre as que estamos sendo e de súpeto hai moitísima luz.

Aquí vos deixamos a folla volandeira que repartimos na sesión de onte:

Folla volandeira FERIDA

Aquí a música picada: 96 tears (Question Mark and the Misterian), Magic Doors (Portishead), Hurt (versión de NIN de Johny Cash), Ashes do ashes (D. Bowie), My body is a cage (Arcade Fire).

Foi de novo un luxo e un pracer.

Advertisements

3 FERID@S

Este martes 18 escoitaremos a Eva Veiga, Estevo Creus e Mónica de Nut, que nos amosarán as súas feridas, as pequeniñas, as grandes, as cicatrices, as que virán.

Estar FERID@ non ter por qué ser unha tristeza, podemos facer que sexa un deixarse sentir e celebralo.

No Modus Vivendi ás 21.00 h. Agardámosvos, vide a picar versos.

POEMA
Tú eliges el lugar de la herida
en donde hablamos nuestro silencio
Tú haces de mi vida
esta ceremonia demasiado pura.

A. Pizarnik