Fotos dos ORIENTAIS

Aquí a galería fotográfica dos Picaversos ORIENTAIS celebrados o martes de Entroido, coa intervención de Arantza Villar, Claudio Pato, Agustín Delicias e o seu colaborador Xacobe Varela.

Grazas, Esther Taboada!

Fotos do Picaversos Franceses

Velaquí a galería fotográfica do Picaversos do 25 de febreiro, coa participación de Francisco Cortegoso, Rosa Enríquez, Comba Campoy, Benjamin Panou e Coralie Yap-Chine. Desta vez foi na Igrexa da Universidade, grazas á xenerosa colaboración da USC.

A autoría das fotos é de Pedro Solla.

Lembrando o SILENCIO

Non callou a neve a noite que nevou en Compostela, pero deixou entrar de vagariño o silencio de Miguel Ángel Curiel, Helena de Carlos e Gonzalo Vázquez. Velaquí algunhas fotos para lembrar a sesión máis silenciosa, a track list das lecturas dos convidados e un emocionante fragmento das Xeórxicas de Virxilio que nos deixou Helena de Carlos ao que lle puxo sentido e voz para nosoutros esa noite.

TRACK LIST:

Miguel Ángel Curiel: Textos propios.

Helena de Carlos: Fragmentos traducidos por ela mesma da Eneida e das Xeórxicas de Virxilio. Último poema do seu libro “Vigo”.

Gonzalo Vázquez: Textos propios, de Antonio Gamoneda, Pasolinni e un poema de Alfredo Zitarrosa na súa voz.

Virxilio, Xeórxicas, 4, 485-527
Regresaban tras esquivar os azares todos
E chegaba ao mundo exterior coa súa Euridice
que lle viña atrás, tal fora a lei de Proserpina,
cando colleu ao amante unha súpeta loucura,
digna de perdón, se os mortos perdoar soubesen.
Trouxo de volta a Euridice, e baixo esa mesma luz
esqueceuse, ai, e tranquilo tornou ollar: alí
desbotou todo afán e roto quedou o pacto
do tirano, e tres veces troou no lago infernal.
Dixo ela: Orfeo: quen nos perdeu a ti e a min,
que loucura é esta?: de novo atrás chámanme
os fados, e o sono pousa nos meus ollos vagos.
Adeus: lévanme e a noite inmensa arrodéame
mentres che tendo en van as mans e xa non son túa.
Falou, e ao punto fuxiulle dos ollos cal fume
que se perde na brisa lixeira e aínda que
el prendía en van as sombras e moito quería
dicirlle, nunca máis se viron, nin o porteiro
do inferno deixouna ir alén da linde do encoro.
Que facer? Onde ir, privado outra volta da muller,
con que pranto, con que voz  conmovería os Manes?
Ela aboiaba xa fría na dorna da Estixia.
Disque el sen falta, cada sete meses do ano
Baixo a elevada rocha onda o Estrimonio deserto
Choraba calado e teimaba na cova fría
Amolecendo as feras, dando pes á aciñeira;
Como o triste reiseñor á sombra da árbore
Laia a ausencia dos seus fillos que o labrego duro
Levoulle do niño así que naceron, mais el
Chora á noite e sentado na triste póla canta
O canto que colma o espazo de tristes laios.
Ningún novo amor, ningún casamento o dobregou:
El so percorría os xeos hiperbóreos,
O Tanais nevado, os eidos casados co xeo
Na procura de Euridice e do que o inferno alí
Levou e mentres tal facía as nais dos ciconos
Que en orxías a  Baco de noite celebraban
O mozo esgazaron e espallaron polos campos.
Tamén daquela a cabeza quitada do corpo
Mentres o río en remuíños a revolvía
Coa mesma voz e a lingua xa fría Euridice,
Ai pobre Euridice, chamaba, case sen aire.
E á beira por todo o río espallaba Euridice.

Así foi unha sesión de Entroido

Popular, senlleiro, semiótico, argalleiro, incomensurable. Con Ela (a poesía), da man, o noso Poeta Galego Carlos Meixide deu lectura aos fragmentos máis líricos das súas obras O home inédito e Primavera, ademais doutras xoias xornalísticas e literarias, como esta de Francisco Añón… Acompañado ora pola contundente Marga Alborés, ora polo letraferido Manuel Serboal, a noite foise abrindo coa axuda do Poeta Interior (Expo) que de cando en vez facía un gran esforzo por sacar afóra aquelo que o torturaba…

Deixámosvos as fotos da sesión entroideira. E lembrade que “cando Eduardo ChiLLIDA! Arturo Pérez…. Reveeeeeerte”.

Así foron os Mortais

(Fotos: cortesía de Iria Pinheiro)

Track list:

Co corpo mental da poeta Luísa Villalta inaugurando a nosa cita mortal, Xoán Abeleira (“A morte é o tema da nosa vida”) trouxo ao Picaversos textos propios (inéditos e publicados), a Rilke, a Hughes e a Plath. Antía Otero (“Que a vida ía en serio seino dende Biedma”) fíxonos galletas para que puidésemos degustalas na súa pequena homenaxe ás poetas suicidas, e leunos textos seus, de Angélica Liddell, de Boris Vian e de Anne Sexton. Para pechar a sesión Iván Marcos (“A morte vén do mesmo de lugar que iso que che vén cando estás moi canso”) agasallounos cun mortífero texto de A Criaçao dos hamsters, outro de Boris Vian e o monólogo dunha personaxe de excepción, a Morte.

Por certo, agora sabemos que a Morte gosta máis do pop que non ten éxito que do Requiem: Funeral of Queen Mary de Purcell. Detesta a Purcell.

Soaron: Kiss (Scout Niblett), La soga (Fernando Alfaro – Fundación Robo), El humo te hace mal (Los Peyotes), Immortels (Dominique A), In the ghetto (Nick Cave and the Bad Seeds).