Resumísimo da sesión Lois Pereiro

O último Picaversos do ano estivo centrado en Lois Pereiro. Intentamos homenaxear ao poeta de Monforte da forma que a el lle gustaría, nun pub, entre copas e música, e escoitando as súas palabras da boca de Iago Martínez, Paco Macías e Mario Regueira, coñecedores e seguidores da obra de Lois, e tamén as palabras daqueles autores dos que el bebía, as pegadas que herdou e as que deixou noutros escritores.

A petición de Piedad Cabo, que non puido estar con nós ese día, Marta Pedrosa leu dous poemas mantra “que usabamos para o que tinhamos que vivir e que non nos interesaba”: “La buhardilla”, de Ezra Pound e “Lo Imperdonable”, de Holderlin. Á parte de textos de Lois Pereiro, Mario Regueira tróuxonos ao poeta portugués Al Berto, a Thomas Bernhard, e fixo soar a versión de Antonio Variaçoes de “Povo que lavas no rio”, Paco Macías leu a Ezra Pound e a Szymborska, e Iago Martínez pechou a noite con Carver, Chus Pato, Dores Tembrás e Gramsci.

E soaron os temas “It´s a perfect day”, de Lou Reed, “Narcisismo”, de Das Kapital, “Corredor de fondo”, de Tora! Tora! Tora!, “Innocent when you dream”, de Tom Waits e “Southern Man”, de Neil Young.

As fotos son cortesía de Toko e Esther Taboada.

Grazas a tod@s @s que acudistes, porque sodes os que facedes Picaversos posíbel.

“Con usura” por Paco Macías, Lois Pereiro e María Rivas

Algo do que leu no Picaversos de onte Paco Macías…

Alá polos noventa e pouco, enredando por mor da dobraxe, Lois e nós traducimos este CANTO de Ezra Pound. Tamén participou María Rivas. Entre o inglés de Lois e o de María, e posteriormente coa axuda dunha tradución brasileira editada por Nova Fronteira, traducimos este canto, o XLV. E máis ou menos quedara así:

CON USURA

Con usura ningún home ten casa de boa pedra

bloques lisos e dispostos

que o deseño poida cubrir;

con usura

ningún home ten un paraíso

pintado na parede da súa igrexa

harpes et lutz (harpas e laúdes)

ou onde a virxe reciba a mensaxe

e un halo se irradie do tallo,

con usura

ninguén ve a Gonzaga, nin a súa xente nin as concubinas

non se pinta un cadro para que perdure nin para telo na casa

senón para vendelo, e axiña;

con usura, pecado contra a natureza,

o teu pan é feito con panos podres

o teu pan é un papel seco,

sen trigo de montaña, sen fariña pura.

Con usura o trazo tórnase espeso

con usura non hai límite claro

e ninguén atopa solar para a súa morada.

O que labra a pedra é afastado da súa pedra

e o tecedor é apartado do seu tear.

Con usura

a la non chega ao mercado,

a ovella non dá lucro coa usura.

Usura é unha praga, a usura

embota a agulla nos dedos da doncela

e paraliza a pericia da fiandeira. Pietro Lombardo

non veu da usura.

Duccio non veu da usura

nin Piero della Francesca; nin Zuan Bellini veu, nin usura

pintou “La Calunnia”.

Non veu da usura Angelico; nin Ambrogio Praedis.

Ningunha igrexa de pedra labrada coa inscrición: Adamo me fecit (fíxome a humanidade).

Non foi por usura St.Trophime

nin por usura Saint Hilaire.

A usura enferruxa o cincel

enferruxa o arte e o artesán

Corroe o fío no tear.

Ninguén aprende a fiar ouro no seu deseño;

A usura é un cancro no azul, non borda o carmesí

e a esmeralda non atopa un Memling (pintor alemán).

A usura mata o neno no ventre

detén o galanteo do mozo.

Ela

paralizou a cama, e xace

entre noivo e noiva

contra natura

Eles trouxeron putas a Eleusis

cadáveres no banquete

por mandato da usura.

Picaversos Lois Pereiro

Remata o ano Lois Pereiro, e Picaversos quere renderlle homenaxe. Paco Macías, Iago Martínez e Mario Regueira lerán textos do poeta monfortino o martes 20 de decembro ás 21.00 h. no Modus Vivendi.

Os tres convidados coñecen ben a obra de Lois, mais no noso ciclo de lecturas poéticas non queremos disertar sobre o autor escollido para o Día das Letras Galegas deste ano que remata, senón a lelo, a escoitalo na voz deles e a gozar, tamén, dalgunha das súas lecturas e músicas favoritas.

Acompañádesnos?