Sesión “Máis alá”

Velaquí os tres nosos convidados para os Picaversos Máis alá, este martes 26 de novembro ás 21 h. no Modus Vivendi.

“Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!”

Manifesto “Máis alá” (1922)

Manuel H. Portolés (Baiona – Pontevedra, 1981). Considérase letrista e compositor pero sobre todo músico da banda Niño y Pistola. Sempre foi de ciencias, e mesmo empezou a carreira de Física aquí en Santiago, que finalmente abandonou para centrarse en eidos máis creativos como son o cine (formouse en fotografía, pero exerce máis de guionista e director de videoclips), o deseño gráfico (que é o que lle axuda a pagar o aluguer cada mes) e sobre todo a música, que é a súa verdadeira vocación.

manolito

Xavier Lama naceu na provincia de Lugo. Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Universidade Complutense de Madrid. Traballa no ámbito televisivo e durante doce anos foi profesor de Comunicación Audiovisual na USC. Ten obra publicada como autor de teatro, poesía e narrativa, pola que obtivo algúns premios literarios. Destacan os seus libros Tigres como Fausto con ollos de bruma (2006), Melancolía líquida da idade das vacas (2008) ou Cabalos do alén na cidade das fábulas (2009). Considera que a poesía é líquida coma o sangue e tamén brétema, lóstrego, tigre de ollos orfos, lámpada e fusil, bulevar do imposible, colmea misteriosa do tempo, oración da revelación e do desamparo.

XavierLama

Samuel Solleiro (Tui, 1982). Ten publicados libros como dz ou o libro do esperma (2006) ou Gran tiburón branco (2012). Fai parte do grupo de rock Ataque Escampe, do selo musical Discos da máquina e do colectivo Estaleiro Editora. Mantén o blogue duaszebras.blogspot.com. En poucas semanas publicará o libro Punk.

samuel