Vídeo resumo Míticos

Lembrando a mítica sesión dos MÍTICOS con Manuel Outeiriño, Estíbaliz Espinosa e Manuel Cortés:

Advertisements

Resumo Mític@s

Viñeron @s mític@s. Unha sesión chea de poemas e poetas inesquecibles, revolucionarios, luminosos… Toda a esencia da poesía destilada, equilibrada pola transcendencia que impregna o acto poético.

Nestes tempos que empregamos a palabra mítico con asiduidade parece que perde forza, desmerece. Míticos só hai e haberá uns poucos elixidos.

Abrimos coa poeta Estíbaliz Espinosa namorada dos míticos do lonxano, do mecánico, do biónico. O universo poético de Estíbaliz é o máis extraterrestre da poesía galega. Vén de publicar coa fantástica editorial almeriense  El Gaviero Papel a punto de, libro que recomendamos. Da súa voz escoitamos poemas de Wislawa Szymborska, Cesar Vallejo, Safo, Shakespeare, Avilés de Taramancos e dous propios, mentres os que acertaban os autores dos textos comían filloas.

O profesor, ensaísta e poeta Manuel Outeiriño -autor de versos antolóxicos que algunhas das que tivemos o privilexio de telo como profesor lembramos de memoria (Europa era unha vaca, / Europa era unha vaca que se perdeu, porque se puxo brava)- escolleu e comentou miticamente o  libro Antipoemas de Celso Emilio Ferreiro, leu tamén a Curros e a Gabriel Ferraté. Chea de frases e xiros míticos foi unha intervención de alta potencia filosófica, asombro, actualidade política e memoria verdadeiramente histórica. Un luxo.

Pechamos con Manolo Cortés, ata hai moi pouco comandante da Sala Nasa, unha das travesías míticas na cidade. Actor e escritor, foi integrante do colectivo poético Ronseltz que nos anos oitenta desmitificou irreverentemente os nosos poetas inesquecibles. Con Chévere, a Nasa e as Ultranoites ao fondo convidamos a Manolo a participar nesta sesión que, unindo mítica e humor, recitou unha escolma de poemas de amor do citado colectivo, do seu libro A rutina é o deber de todas as criaturas e rapeou os míticos poemas sociais de Celso Emilio empregando unha Nintendo DS para inverter os fondos musicais de acompañamento cun éxito total de público.

Fotos cortesía de Óscar Antón Pérez García (agás as dúas desenfocadas, que son do noso móbil).

Track list musical:

There is a light that never goes out – Dum dum girls
One way or another – Blondie
Miserlou – The Trashmen
The letter – Brenda Lee
Impazzivo per te – Adriano Celentano
Canción del eco – Christina Rosenvinge

Folla volandeira MÍTIC@S

Gamoneda, Adrienne Rich, Outeiriño, René Char, Herberto Helder, Manuel Cortés, Katheleen Raine, María Elena Cruz Varela, Clarice Linspector e Luis Pimentel conforman a folla volandeira que preparamos para a sesión d@s “Mític@s”.

Como xa sabedes, mañá ás 21.00 h. no pub Modus Vivendi Estíbaliz Espinosa, Manuel Outeiriño e Manuel Cortés desvelarannos e lerán as súas escollas “míticas”. A cousa promete… Vídevos!

O PANDEXEIRO SECRETO

Primeiro faime masa.

Como sabe que son liquefacta
aprovéitase do meu peito quente
e engade fariña.

Fariña moi branca espolvorexada e candeal,
varios quilos.

Auga dos regos internos emplumada coma o xéiser,
varios litros.

Amásame
mentres eu a dar voltas e máis voltas
e río a treu de verme así
abrazada por estas ganas de darme forma e quentura
penetrándome
a me remexer
na artesa dun devezo artesán polo que me estendo
coma pandemia e almo
que fora nutrir un reino de mil fames.

E canto me prace
a coberta
da súa
temperatura animal

o seu fermento
a me inflar ionosferas
a me espoldrexar coma ave nun paraíso estremo
baixo as súas mans
o lévedo medra poderoso coma un lobo nas escuras
ao seu requento
polarizo luz.

Un milagre de codia dourada sóbeme polo corpo arriba
a chamarme “pandora, aínda estás ardendo”
i eu fumego de riso e farangullas
cando el tén a ben retirar cada man
dos farallóns dos meus peitos
convertidos xa para sempre en pan
EN PAN

pois alimentalo da totalidade
pandemeu
é para o que estou feita
imperfeita pandora de pan dourado
dona da caixa dos ventos
que xiran e xiran nos brazos
do seu muíño de pan

(para todo iso
e para me devorar no almorzo
cun pouco leite)

Estíbaliz Espinosa, Pan (libro de ler e desler)


Manuel Outeiriño, Estíbaliz Espinosa e Manuel Cortés: MÍTIC@S

O poeta e ensaísta Manuel Outeiriño, a poeta Estíbaliz Espinosa e o actor e poeta Manuel Cortés protagonizarán a próxima sesión do noso ciclo. Picaversos MÍTIC@S é o lema escollido para a noite do martes 14 de febreiro (21.00 h. pub Modus Vivendi).

Para facer a nosa folla volandeira MÍTICA pedimos a vosa colaboración e participación. Mandádenos eses poemas que para vós foron e seguen a ser “míticos” ou que falen do mito a: ococina@yahoo.com.

Ata pronto!

No me gustas cuando callas
y estás como ausente
No sé si no tienes nada que decir
o la raya de cocaína
se te subió a la cabeza

“Canción desesperada”, Cristina Peri Rossi