Así foron os Mortais

(Fotos: cortesía de Iria Pinheiro)

Track list:

Co corpo mental da poeta Luísa Villalta inaugurando a nosa cita mortal, Xoán Abeleira (“A morte é o tema da nosa vida”) trouxo ao Picaversos textos propios (inéditos e publicados), a Rilke, a Hughes e a Plath. Antía Otero (“Que a vida ía en serio seino dende Biedma”) fíxonos galletas para que puidésemos degustalas na súa pequena homenaxe ás poetas suicidas, e leunos textos seus, de Angélica Liddell, de Boris Vian e de Anne Sexton. Para pechar a sesión Iván Marcos (“A morte vén do mesmo de lugar que iso que che vén cando estás moi canso”) agasallounos cun mortífero texto de A Criaçao dos hamsters, outro de Boris Vian e o monólogo dunha personaxe de excepción, a Morte.

Por certo, agora sabemos que a Morte gosta máis do pop que non ten éxito que do Requiem: Funeral of Queen Mary de Purcell. Detesta a Purcell.

Soaron: Kiss (Scout Niblett), La soga (Fernando Alfaro – Fundación Robo), El humo te hace mal (Los Peyotes), Immortels (Dominique A), In the ghetto (Nick Cave and the Bad Seeds).

Os Mortais

Regresamos cunha sesión forte, os Picaversos MORTAIS, con tres convidados en realidade moi vitais… O 29 de xaneiro ás 21 h. no Modus Vivendi. Velaquí volos deixamos:

Antía Otero

antiaAntía Otero é escritora, creadora e actriz. Tras licenciarse en Historia da Arte pola USC, realizar un Máster en Historia e Estética do Cinema e formarse artísticamente na Escola de teatro e danza Espazoaberto, decide adicarse á creación escénica movéndose nun código entendido a partir da hibridación de diferentes disciplinas artísticas e creando propostas personais con textos propios. No campo do audiovisual ten Traballado en series TV, curtametraxes e longametraxes. Como poeta é autora de O Son da Xordeira (2003), (Retro)Visor (2010) e participou en diversos libros colectivos, fancines, revistas e xornais. Na actualidade cursa o Máster en Práctica Escenica e Cultura Visual de Artea, Universidade de Alcalá, Reina sofía e Matadero e ven de estrear (Retro)visor, un traballo escénico de perfopoesía acompañada do músico Isaac Garabatos.

Iván Marcos

 ivan

Iván Marcos estudou teatro con Manuel Lourenzo e Phillipe Gaulier (Londres), teatro físico e circo contemporáneo en Circomedia (Bristol), e coreografía e arte dixital no Dartington Collade Arts de Inglaterra. Foi director da compañía Hoax productions, coa que gañou un Premio Jerwood e un Premio Fringe First no Festival de Edimburgo polo seu espectáculo Raw Beef.Nos seus solos (Leight in suitcase, Desire, Eco…) integra distintos estilos teatrais e formatos artísticos, elementos narrativos e simbólicos, propiciando situacións contemplativas que producen á reflexión sobre a condición humana. Traballou como intérprete para outras compañías de teatro e danza como Chévere, Matarile Teatro, Music ata Brewhouse, Point Blank, Miren Theatre; e tamén para diversos proxectos no audiovisual como Omar Martínez, Os Crebinsky, Matalobos, Todo es silencio, El Vaivén e Na distancia, entre outros. Colabora con artistas afíns na realización de pezas de teatro e danza como I really want to stay here now con Mónica García e Ricardo Santana, Sobre la Naturaleza das Cousas con Jesús Barranco e con Mónica García en La Velocidad de las Cosas. Nestes intres está a traballar con Chévere na montaxe de Eurozone e a piques de estrear.

Xoán Abeleira

xoan

Escritor, xornalista e tradutor galego. Obras publicadas: En galego: Animais Animais (Espiral Maior), Magnalia (Espiral Maior), As aventuras de Nunavut (Xerais, catro volumes), A pegada de Man (Xerais). Castelán: Umbral del Centinela/La piel Iluminada (Olifante), Identidades (Hiperión), Nueve motivos para un obsequio (Mandala), Animales Animales (Bartleby Editores), As nosas sombras no Xardín de Serralves (Franouren) e Pan de Ánimas (Xerais). Autor de máis dunha trintena de traducións, entre as últimas destacan a Poesía Completa de Sylvia Plath (Bartleby Editores, ó castelán), Porca Terra de John Berger (Rinoceronte, ó galego), Ouveo e outros poemas/Aullido y otros poemas de Allen Ginsberg (ó galego e ó castelán: http://www.homenajeaallenginsberg.blogspot.com/).
Na actualidade dirixe o proxecto poético, dramático e musical Fuso Negro: http://www.fusonegro.blogaliza.org/
e forma parte activa do Grupo Surrealista Galego:
http://www.gruposurrealistagalego.blogaliza.org/