Carlos Santiago

Na última sesión de Picaversos causaron baixa por forza maior e no propio día Deborah Vukusic e Snob Megalove, polo que nos foi imposíbel cambiar ou cancelar a cita… Así que só contamos con Carlos Santiago, animal de escenario que preparou no último momento algúns textos para alongar a súa intervención.

Carlos despregou a forza toda d´O paxaro mecánico (el o paxaro; mecánico o seu inseparábel Mac, contounos). Recitou acompañado da música, cantou, pechouse, abriuse e riu. Deixounos claro que é un poeta “de usar e tirar”… Foi aplaudido ao remate de cada poema e encheu o Modus Vivendi.

Deixámosvos unhas fotos “caseiras” á espera de ter outras mellores… Proximamente tamén algún vídeo.

non
Non é amor.
E só o meu orgullo mesopotámico.
Existe nos meus ollos unha forza gravitatoria,
un don divino,
unha dor que se promete facilmente.
Ela sentiu. Ela coñeceu o meu furor.
Pero esterilizou o seu ventre para impor o sentido da órbita.
Vaite. Isto que sinto non é amor.
Instinto animal, catalepsia, vivisección.
Aboiar entre dúas augas.
Lonxe de todos os roscóns de Pascua.
Amar non pode ser este interrogatorio.
Non obstante hai métodos que funcionan.
Aprender inglés, simular unha catástrofe,
deitarse con mulleres asiáticas.
A miña conciencia non ten nada que obxectar.
Non sei nada da vida.
Non sei tocar o acordeón.
Non sei por que.
Sálvate de min. Sempre quixen ser policía.
É recomendábel durmir dúas horas cada catro,
ou catro horas cada oito.
Admirábel.
Pero tamén hai quen monta obras de teatro
a partir dun paquete de Camel.
Repercusións?
Ela afirmou ser capaz de matar a alguén.
Aínda non sabe que eu son translúcido.
Ah si, ela traballa co seu corpo, co seu léxico ilimitado.
Pero iso tampouco é amor,
só enerxía, electricidade estática.
O pelo que fica no peite.
Complicado?
A ideoloxía é sempre invisíbel.
Na súa cabeza como na miña, outras cabezas.
As traizóns da garganta non importan.
O noso sexo sen estilo, sen concepto do mundo,
é o que delata a verdade.
Nada de amor,
a penas multas absurdas nas áreas de descanso.
Despois dunha queixa intelixente é necesario pagar a conta e máis nada.
Tes frio? Iso é amor. Pero tampouco.
O sabor dos cisnes asados é noxento e por tanto
son incapaz de escribir poemas que coticen en bolsa.
Ademais, ela é alemá, ostrogoda, merovinxia.
Nestas circunstancias,
a perda de líquido sinovial semella a única posibilidade.
Porque as cousas pesan e caen nos meus ollos.
Así e todo, ela ofréceme unha risa escandalosa por teléfono
e eu teño que espremer as laranxas.
Hoxe é o seu presente.
Unha lista de lugares:
Calcuta, Bologna, Lampai, Irkust.
Novas rutas para Mijail Strogoff.
Examino todo o cinismo contido nos embigos.
Matar a alguén é un acto socialmente importante.
Tal vez cando o ceo despexe, digo para min.
Cando pensas o que vai pasar nunca pasa o que pensas.
Pero se non o pensas non o pasas ben.
Isto achégase máis, é case o amor.
Claro que as preguntas aínda nos asaltan.
En que parte do cerebro se localiza a memoria?
Fago preguntas
porque teño problemas para amar persoas operadas das amígdalas,
porque as novas superficies comerciais e a liberdade sexual
non parecen compatíbeis.
Isto ten que acabar.
Entón ela chama de novo e di que me quere.
Será isto o amor ou simplemente o concepto de límite?

(De O paxaro mecánico)

Folla volandeira Músic@s

Et voilá: para abrir boca aí vos vai unha folla volandeira cargada de música. Nada que ver co que acontecerá este martes, coma sempre ás 21.00 h. no Modus Vivendi durante a sesión d@s Músic@s…

Porque disque Deborah Vukusic, Carlos Santiago e Snob Megalove andan a argallar moito máis que un recital poético. Ídelo perder?

Foto de Pelare

Veñen con música…

Na próxima sesión teremos canda a nós a Deborah Vukusic, Carlos Santiago e Snob Megalove. E poranse “musicais”. O martes 22 de novembro ás 21 h. no Modus. Agardámosvos para compartir a resaca electoral…

Por certo, se queredes participar na elaboración da nosa lixeira e poderosa folla volandeira e voar de man en man e pola rede, podédesnos mandar os vosos textos ou os dos autores que máis vos reinan a este mail: ococina@yahoo.com. Textos que teñan algo de música, porque iso é o que toca para o próximo día…

À bientot!