Fotos do Picaversos Prohibidos

Fotos de Toko e crónica do último Picaversos (Prohibidos) por Montse Dopico.

“Aquí está aparcado… prohibir”

O Leo e García, no Modus. De fondo, Ania, (terceira pola dereita, e Rosa,  quinta)

Díxoo García, de Dios Ke Te Crew, ao recitar un dos “Hai cus” de O Leo: “Aquí está aparcado… prohibir”. Prohibido censurar a resistencia, o pensamento. Foi na última sesión de ‘Picaversos’, que acaba de reabrir a súa programación tras o descanso do verán. García, o Leo, Rosa Enríquez e Ania González invocaron as voces disidentes. Os poetas Prohibidos.

Comezou Ania González, con textos que levou, con Diego Vites, ao festival de poesía VOCIFERIO de Valencia o pasado xuño. Cos seus versos, que esculcan nas relacións de poder que a propia linguaxe produce e representa. Co seu ‘Con’, que explora tres ámbitos de significación desta palabra: a rocha que sae da auga, a preposición que indica acompañamento e o nome vulgar, en francés, do sexo feminino. “Con/ El idioma primero/ El que vino al principio/ Sin cuestionarse/ El que hablaba/ La madre de mi madre/ La que cocía el pan/ La que era capaz de hablar/ Un idioma distinto/ Para si mismos/ Ella y su hombre/ El hombre que nos hizo/ Al que le bailaba el pelo.// Con/ Las rocas que salen de debajo del/ agua/ el fin del mundo/ y el (último) deseo a mar// con (s)/ Son rocha(s) que/ sae(s) da auga.”…

Despois veu Rosa Enríquez, que fixo dialogar fragmentos da súa última obra, ‘Atlas de Chaguán’, con versos de Daniel Salgado, Estevo Creus e Lupe Gómez. E, ao facelo, e se cadra sen querer, teceu fíos de conexión coa intervención de Ania. “Baby comeu o ceo nacarado e rosa. meteu as poutas no frío./ compartiu corpo e casa con esas putas obreiras do orgasmo que ocupan as cidades modernas, debuxou con elas o retrato robot do Home das Neves./ ya ni siquiera mira a los cerdos, sabe que quieren violarle el alma. Baby Piel Roja-séntese pois capaz de calquera deslizamento./ é unha muller flotante no inferno de metal. esa é a verdade: está feita de puntas”, leu, do seu ‘Atlas’. Que respostou co ‘materialismo’ de Daniel Salgado: “este texto/ asina pacto de non aliña/mento: a súa xeoloxía/ fórmase nas planicies duras,/ constitúese/ contra a lingua escrava,/ en/, medio de convulsións./”(…). Ou, despois, do mesmo autor, ‘desacato’: “esta friaxe evidentemente/ evolutiva, esta precariedade/ de todas as cousas. o tempo/ cautivo: prea, certificación,/ asalto ao vector desagradábel da vida/ moderna. somos débeda,/ material cortado, os plásticos/ do idioma: residuo/ do cervical, do marítimo./ as tácticas estrañas da amputación,” (…).

Xa que o Picaversos se dedicaba aos “Prohibid@s”, ao censurado, ao agochado tra-lo tabú, Rosa escolleu varios textos arredor da sexo. Quedoulle sen ler, por falta de tempo, un anaco do ‘Dark Butterfly’ de Xina Vega. Pero trasladounos nuns segundos do Areados’ de Estevo Creus ao ‘Pornografía’ de Lupe Gómez. “Someten a pornografía a/ termos de renda./ Descobren no sexo/ palabras falsas./ Do amor fixeron/ escenas. O sangue/ convertérono en imaxes.”. Versos que armou con outros seus, escritos para ‘Sete’, un libro colectivo aínda inédito: “E o fenómeno évos este: onde o sexo é colonial sempre existe descontento. Por ambas partes.”.

Faltaba aínda a terceira parte da sesión, e xa camiñaramos, con Ania, con Rosa, pola contestación de diversos xeitos de opresión. E nesa mesma senda situáronse García e o Leo, que engadiron aínda máis intensidade ao recital. E deron máis argumentos para atopar nexos: de Daniel Salgado ao “Celso Emilio Rapeiro”. Da propia Rosa e o seu “somos apaches e sexis. fomos emplumadas polo home branco. nos encajonó en un país de sombra y muerte./ TAL VEZ PRETENDÍA TRASLADAR OS DOUSCENTOS OITENTA MIL INDÍXENAS AMERICANOS PARA A NOSA RESERVA GALEGA” a Lois Pereiro.

García presentounos, ademais, un adianto do disco que vai publicar nunhas semanas, ‘Abaixo e de pé’. Recitou versos contundentes -como os haikus de O Leo-, disidentes, abertamente políticos. Achegouse a Lois Pereiro e rapeou o seu “Todos somos Marcos! Todos EZLN, nas selvas Lacandonas dos que nos foi prohibido…”.  Reivindicou a loita palestina como símbolo de dignidade. Ou a sabedoría dun pobo, o galego, fronte aos crecentes ataques do capital, no tempo da “cuarta guerra mundial” que se chama neoliberalismo.

Volvemos! Prohibidamente

Picaversos inicia MAÑÁ MARTES 9 de outubro un novo curso coa sesión PROHIBIDOS -ás 21.00 h. no pub Modus Vivendi- á que están convidadas a escritora Rosa Enríquez, a crítica cultural e poeta Ania González e o MC García, do grupo “Dios ke te crew”.

Para este trimestre haberá catro sesións máis de Picaversos os martes 23 de outubro, (Picaversos da casa); 6 de novembro (Picaversos de amor); 20 de novembro (Picaversos Rock and roll), e 11 de decembro (Picaveros lunáticos).

Ania González é licenciada en Dereito e especialista en Museoloxía e Teoría do Discurso (PEI, MACBA 2009). Forma parte do equipo fundador do colectivo de mozos artistas galegos Iniciativa Curva 1999-2000 co que coordina o programa de exposicións, recitais poéticos e ciclos de curtas da Sala Luisa Cuesta, o Coro da Igrexa da Universidade, a Fundación Museo Eugenio Granell e o Auditorio da U.S.C. en Santiago de Compostela. Participa en varias edicións da Semana de Poesía de Barcelona con postas en escea poéticas no Pati Llimona e o Museo Barbier Müeller en 2005 e 2009 respectivamente. Colaboradora da extinta publicación Microfisuras Cadernos de pensamento e creación. Funda en 2008 o colectivo de intervención cultural Culture Workers co que traballa cara outra crítica cultural e co que colabora no proxecto “Canles alternativos de produción artística experimental. Eixo Atlántico 1975-2000″ do grupo de investigación Arte e Estética da U.S.C. Codirixe FAC Peregrina Furancho de Arte Contemporánea.

Publica o seu traballo poético no blog aniamal.wordpress.com.

Rosa Enríquez é licenciada en Filoloxía Hispánica. Na actualidade exerce como profesora de francés no I.E.S. “Macías o namorado” de Padrón (A Coruña). Colaborou nas revistas literarias Dorna, Xistral, A Casa da Gramática, Leña verde, A xanela e Ólisbos, na revista dixital Terra e tempo, no portal Galiza Livre, no xornal Novas da Galiza, no xornal La Región ou no xornal Sermos Galiza. Ten participado en exposicións colectivas de arte -“Icónos” (2006) e “Artnatura” (2007)-, en publicacións adicadas ós poetas María Mariño e Uxío Novoneyra, e na performance Palabra en movemento (2008) baseada toda ela na súa obra Vestíbulo da devastación. Ten publicado as obras Raizame vexetal, 2007 (1º Accesit do Premio I Conde de Gondomar, Editorial Alvarellos), Vestíbulo da devastación, 2007 (Espiral Maior), Desobediencia, 2011 (A porta verde do sétimo andar – Cadernos de Q de Vian), Atlas de Chaguán, 2012 (A porta verde do sétimo andar – Cadernos de Q de Vian) e Unicrom, 2009 (Sotelo Blanco – Colección Medusa).

Mantén o blog http://valdeorosa.blogspot.com.es.

Serxio Regos, García Mc é musico de rap e activista. Comeza rapeando en galego, con 13 anos, directamente influenciado por unha das bandas fundacionais do Rap en galego: 5 Talegos. Ao pouco, aínda na adolescencia, pasa a formar parte do proxecto musical rapeiro Ghamberros, editando un traballo discográfico en 2004 ao remate desta aventura. Existía xa pois dende o 2003 o Colectivo Hip Hop Dios Ke Te Crew, formación da cal pasa a formar parte co proxecto Ghamberros e con boa parte de 5 Talegos, sumandose nos seus espectáculos tódalas vertentes da Cultura Hip Hop: Breakdance, Graffiti, Dj´ing, Beat Box… Con DKTC editáronse ata o momento tres traballos discográficos: Xénese 2006, Adianto/Maxi: Chove 2010 e Humanose 2011. Actualmente participa activamente tanto en Dios Ke Te Crew como no proxecto de “Foliada Rap and Punk” Labregos do Tempo dos Sputniks, leva ademais 8 anos impartindo Obradoiros e Cursos sobre Cultura Hip Hop/Rap principalmente para adolescentes, sobre todo para equipos de Normalización Lingüística en centros formativos. Musicou poemas de Celso Emilio Ferreiro en clave rapeira como “Deitado frente ó mar…” ou “Son un pasmón”. Formou parte da Radio Kalimera (a radio libre de Compostela), ten participado ademais en diferentes mesas redondas e coloquios como defensor da Cultura Libre. A título individual levou o seu Rap en Galego a lugares como Copenhangue, Guiné-Bissau e México, ou a Cuba con DKTC. Participa en ducias de discos de grupos eclípticos da música galega contemporánea. Actualmente traballa no que vai ser o seu primeiro traballo discográfico en solitario que levará por título “Abaixo e De Pé”.

É autor do blog http://cadernodogarcia.blogaliza.org.