Vídeo resumo da sesión do Silencio

Aquí vos deixamos o vídeo resumo da noite do Silencio, onde participaran Helena de Carlos, Miguel Ángel Curiel e Gonzalo Vázquez

.

Advertisements

Lembrando o SILENCIO

Non callou a neve a noite que nevou en Compostela, pero deixou entrar de vagariño o silencio de Miguel Ángel Curiel, Helena de Carlos e Gonzalo Vázquez. Velaquí algunhas fotos para lembrar a sesión máis silenciosa, a track list das lecturas dos convidados e un emocionante fragmento das Xeórxicas de Virxilio que nos deixou Helena de Carlos ao que lle puxo sentido e voz para nosoutros esa noite.

TRACK LIST:

Miguel Ángel Curiel: Textos propios.

Helena de Carlos: Fragmentos traducidos por ela mesma da Eneida e das Xeórxicas de Virxilio. Último poema do seu libro “Vigo”.

Gonzalo Vázquez: Textos propios, de Antonio Gamoneda, Pasolinni e un poema de Alfredo Zitarrosa na súa voz.

Virxilio, Xeórxicas, 4, 485-527
Regresaban tras esquivar os azares todos
E chegaba ao mundo exterior coa súa Euridice
que lle viña atrás, tal fora a lei de Proserpina,
cando colleu ao amante unha súpeta loucura,
digna de perdón, se os mortos perdoar soubesen.
Trouxo de volta a Euridice, e baixo esa mesma luz
esqueceuse, ai, e tranquilo tornou ollar: alí
desbotou todo afán e roto quedou o pacto
do tirano, e tres veces troou no lago infernal.
Dixo ela: Orfeo: quen nos perdeu a ti e a min,
que loucura é esta?: de novo atrás chámanme
os fados, e o sono pousa nos meus ollos vagos.
Adeus: lévanme e a noite inmensa arrodéame
mentres che tendo en van as mans e xa non son túa.
Falou, e ao punto fuxiulle dos ollos cal fume
que se perde na brisa lixeira e aínda que
el prendía en van as sombras e moito quería
dicirlle, nunca máis se viron, nin o porteiro
do inferno deixouna ir alén da linde do encoro.
Que facer? Onde ir, privado outra volta da muller,
con que pranto, con que voz  conmovería os Manes?
Ela aboiaba xa fría na dorna da Estixia.
Disque el sen falta, cada sete meses do ano
Baixo a elevada rocha onda o Estrimonio deserto
Choraba calado e teimaba na cova fría
Amolecendo as feras, dando pes á aciñeira;
Como o triste reiseñor á sombra da árbore
Laia a ausencia dos seus fillos que o labrego duro
Levoulle do niño así que naceron, mais el
Chora á noite e sentado na triste póla canta
O canto que colma o espazo de tristes laios.
Ningún novo amor, ningún casamento o dobregou:
El so percorría os xeos hiperbóreos,
O Tanais nevado, os eidos casados co xeo
Na procura de Euridice e do que o inferno alí
Levou e mentres tal facía as nais dos ciconos
Que en orxías a  Baco de noite celebraban
O mozo esgazaron e espallaron polos campos.
Tamén daquela a cabeza quitada do corpo
Mentres o río en remuíños a revolvía
Coa mesma voz e a lingua xa fría Euridice,
Ai pobre Euridice, chamaba, case sen aire.
E á beira por todo o río espallaba Euridice.

Próxima sesión: Picaversos do Silencio

Gonzalo Vázquez, Helena de Carlos e Miguel Ángel Curiel son os nosos convidados para a sesión do SILENCIO, este martes 12 de marzo ás 21 h. no Modus Vivendi.
Gonzalo Vázquez (Vilaboa, 1983) licenciado en Filoloxía Galega (UVigo) e especializado en Literatura e Cultura comparadas (USC). Interesoouse pola interdisciplinariedade artística desenvolvendo o seu proxecto de investigación na Accademia Albertina delle Belle Arti de Turín (Italia) baixo o título “Literatura, performance e artes visuais”. Director artístico do proxecto de moda que leva o seu nome, GV [gonzalovázquez], arredor do cal desenvolve un intenso labor creativo nos últimos anos. Actualmente reside en París, vinculado ao Centro de Estudos Galegos da Universidade da Sorbona.
gonzalo
Helena de Carlos Villamarín (Barca de Barbantes -Cenlle-, 1964), é poeta e latinista. Aínda que nace en Cenlle, pasa a súa infancia e mocidade en Vigo. É doutora en Filoloxía clásica e profesora titular do departamento de Latín e Grego da Universidade de Santiago de Compostela. Especializada en estudos sobre a latinidade medieval, levou a cabo as súas investigacións en cidades como Lisboa, München e Florencia. Colaborou en diversas publicacións como Nordés, Festa da palabra silenciada, Dorna, Ólisbos e Alquimia. Publicou os poemarios Alta casa (1996, Espiral Maior), 1999 (2001, Xerais), Aracné 3 (2006, Concello de Santiago de Compostela, Vigo (2007, Galaxia) e participou nas obras colectivas O mar de adentro (1990, Edicións do Dragón) e Reflexos. Semana da Cultura Galega em Lisboa, (2007, Portugalizando, Lisboa). En 2007 recibiu o premio da Crítica de poesía galega por Vigo.
helena

Miguel Ángel Curiel naceu o 31 de marzo de 1966 en Korbach, Alemaña, nunha familia do norte de Extremadura. Cun ano trasládase a Talavera (Toledo) cidade coa que mantén un forte vínculo. Na actualidade vive en Lugo. Becario da Academia de España en Roma – recibiu a Beca Valle Inclán para Escritores – no 2009-2010. Nese período escribiu Luminarias e o libro de poemas  Hacer hielo. como gravador presentou exposicións de linóleos e aguafortes na Galería Arcana (Vilagarcía de Arousa) e na Academia de España en Roma. É autor dos seguintes libros de poesía: El verano (Colección Adonais 2000, Rialp Madrid); Un libro difícil (Premio Esquío de poesía 2004, colección Esquío, Ferrol); Por efecto de las aguas (Premio San Juan de la Cruz, Ávila, 2007, colección Adonais, Rialp, Madrid); Diario de la luz (2008, DVD, Barcelona) e Los sumergidos (Almud Ediciones, 2011), do que atopamos unha mostra escollida e ilustrada na última entrega de La Nube Habitada

curiel