O martes 29, Dandylady

DandyLady é unha formación  integrada por Iria Pinheiro (actriz) e Jesús Tejada (músico). Dende 2007  traballan xuntos en proxectos musicais de diferentes estilos: música disco (Mosca Gogó) ou pop (Siesta Continental) e noutros relacionados co cabaret (Ciclo Mércores no solpor do Museo Verbum, Churra e Merina…)  ou a danza (Nexus 6, da Cía. Branca Novoneyra).

Dessasosego é un espectáculo que se enmarca baixo a etiqueta de poesía escénica. É un recital teatral sobre o desacougo.

En Desassossego emprégase a tecnoloxía dos anos 70 (un proxector de diapositivas, radiocasettes, transistores, un pick up, unha máquina de escribir…)  para falar da inquietude a través da poesía e a música.

Cada tema musical foi composto especialmente para cada poema en concreto, empregando instrumentos como a máquina de escribir, unha cámara de fotos analóxica, uns zapatos de tacón… pero tamén utilizando rexistros sonoros de momentos e espazos que particularmente lles resultan desacougantes, coma entrar nun centro comercial ou sentir dende a casa o funcionamento do ascensor.

Desassossego é un espectáculo de pequeno formato no que seis autoras galegas poñen letra a este recital teatral- musical xunto con outras tres do resto da península nun espectáculo de 45 minutos (Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Sther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado, Adília Lopes).

O título da peza nace  do Livro do desassossego de Fernando Pessoa, e o primeiro texto desta obra, “A morte do príncipe” abre o recital.

O nome do grupo foi inspirado, entre outros motivos, por un poema de Lois Pereiro: Dandy, tamén incluído na escolma.

Aquí vos deixamos un vídeo de DandyLady que explica a fabricación do atrezzo para os poemas de Lupe Gómez.

Dandylady en Vimeo: https://vimeo.com/user11801026

Advertisements