Que é PICAVERSOS?

PICAVERSOS é un ciclo de lecturas poéticas que dará comezo o martes 4 de outubro a iso das 21.00 h. no pub Modus Vivendi (Praza de Feixoo, Santiago de Compostela).
Cada quince días haberá unha nova sesión dunha duración aproximada de hora e media. Nela, tres convidados (que poden ser escritoras, pero tamén músicos, ou xente do teatro, ou taberneiras, ou magos…) escollerán os seus textos poéticos preferidos arredor dun lema. Lerán textos propios e alleos.
PICAVERSOS quere recuperar, dunha parte, o pracer de compartir unha lectura que nos gusta en voz alta, e doutra, o pracer de escoitala. En tempos vertixinosos, cativos, propoñemos un gorentoso exercicio de concentración: só a VOZ e a PALABRA. Lector e receptor nun encontro único e irrepetible. E entre lectura e lectura, picaremos tamén algún tema musical.

PICAVERSOS pretende visibilizar a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público. Quere reunir voces diversas sen espazo conxunto nas programacións institucionais. E busca recuperar as lecturas poéticas amplas, non tan orientadas á produción propia como lecturas escollidas (e preferidas) sobre un tema proposto.

A entrada a cada sesión do ciclo custa 2 €. Agardámoste PICAndo VERSOS!!!