3 para unha sesión cargada de Rock and Roll

ALFONSO ESPIÑO (Santiago 1976). É músico e licenciado en Filoloxía Inglesa. Actualmente está a preparar a súa tese arredor da historia dos primeiros conxuntos pop en Compostela desde finais dos 50 ata mediados dos 70.
Gosta da música desde cativo, cando escoitaba música infantil no tocadiscos da casa. Xa na escola a poderosa iconografía do heavy lévao a escoitar a Iron Maiden ou a Barón Rojo. No IES Rosalía de Castro coñece a Gonzalo Sende, que consolida o traballo dos Beatles no seu oído definitivamente e lle amosa os seus primeiros acordes á guitarra. Merca un baixo eléctrico e monta xunto a el, o seu irmán José e Pablo Villaverde o seu primeiro conxunto, “Contrastes”. Gravan un puñado de temas entre 1995 e o 2000 e sepáranse en 2003, ano no que se incorpora ao combo hard psicodélico Mega Purple Sex Toy Kit! A banda actúa en importantes festivais 60s e mod (Purple Weekend, Euroyeyé, Le Beat Bespoké…)
En 2009 nacen Los Chavales coa intención de facer versións de grupos españois dos 60, con Alfonso, Tato, Bibi e Antonio Pazos. Publican un EP en vinilo e participan nun CD homenaxe aos Tamara. Tamén forman parte do seu repertorio actual unha manchea de cancións que Alfonso traduciu ao castellano e ao galego.
Nos últimos anos houbo reunións puntuais de Mega Purple… e de Contrastes, cos que Alfonso está a gravar novos temas, de novo como vocalista, letrista, baixista, percusións…

LUCÍA ALDAO (A Coruña, 1982): Poeta galega. Leva dende 1998 desenvolvendo a súa carreira no campo da poesía ao vivo. O seu traballo está tamén presente no mundo da radio, da prensa, da música, ou como coordinadora de diferentes actividades culturais. Recita normalmente coa poeta María Lado ofrecendo espectáculos de poesía, e é integrante do colectivo Poetas da Hostia.

LUIS PARDO (Vilaboa-Culleredo 1976) Con 16 anos deixáronlle poñer música en Radio Culleredo e descubriu que alonxarse do micrófono provoca síndrome de abstinencia. Como precisaba dunha coartada para a súa adicción, estudou (é un dicir) Xornalismo. Desde entón, ten traballado na Cadena SER (en Coruña, na Costa da Morte e actualmente en Santiago), con breves pasos pola Cope e EFE. Enredou na tele en Localia Coruña, disfrutou presentando “Banda Curta” na TVG e pateou Galicia coas reportaxes de “Control V” en V Televisión. Agora encárgase dos informativos matinais e do magazine “Hoy x Hoy Santiago” en Radio Galicia-Cadena SER mentres agarda volver a un turno que lle permita pechar bares. Soña con prexubilarse no Caribe e pinchar ska, punk e soul para os rastas desde unha emisora pirata..

Advertisements