que é PICAVERSOS

PICAVERSOS é un ciclo de lecturas poéticas que deu comezo en outubro do 2011 no pub Modus Vivendi (Praza de Feixoo, Santiago de Compostela).
Nas lecturas, dunha duración aproximada de hora e media, tres convidados (que poden ser escritoras, pero tamén músicos, ou xente do teatro, ou editores…) escollerán os seus textos poéticos preferidos arredor dun lema. Lerán textos propios e alleos.
PICAVERSOS quere recuperar, dunha parte, o pracer de compartir unha lectura que nos gusta en voz alta, e doutra, o pracer de escoitala. En tempos vertixinosos, cativos, propoñemos un gorentoso exercicio de concentración: só a VOZ e a PALABRA. Lector e receptor nun encontro único e irrepetible. E entre lectura e lectura, picaremos tamén algún tema musical.

PICAVERSOS pretende visibilizar a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público. Quere reunir voces diversas sen espazo conxunto nas programacións institucionais. E busca recuperar as lecturas poéticas amplas, non tan orientadas á produción propia como lecturas escollidas (e preferidas) sobre un tema proposto.

A entrada a cada sesión do ciclo custa 2 €. Agardámoste PICAndo VERSOS!!!

Picaversos conta coa colaboración do pub Modus Vivendi, a Fundación UxíoNovoneyra, a Universidade de Santiago de Compostela e Estrella Galicia.

Unha opinión sobre “que é PICAVERSOS

  1. Moi boas picaversos, como non teño outra forma de poñerme en contacto con vos… vouvos deixar un toston aquí de texto para que o transmitades a quen consideredes oportuno.Trata sobre un acto poético masivo en Lugo. Grazas

    Amigos e amigas, poetas todos e todas:
    Fai xa un tempo que lle tiña presentado á Deputación Provincial de Lugo, en concreto á área de cultura, un proxecto para facer un gran recital poético ao aire libre, que temos previsto, agás trocos de última hora, para o día 10 de Maio ás 5 da tarde na cidade de Lugo.

    Pois ben, co gallo do día das letras galegas, a Deputación ben de aprobar unha serie de actos que baixo a denominación “Maio de lingua” van invadir, literalmente, as rúas lucenses con distintos aspectos culturais que teñen por denominador común a lingua, tal e como figura no propio lema. Nesta serie de actos veñen tamén de aprobar a proposta que eu lles teño feito.

    Por facer un resumo moi rápido das motivacións que me levaron a facer a proposta está a idea de sacar a poesía á rúa, basicamente os actos fanse en lugares pechados e … case sempre coa nocturnidade como compañeira, polo tanto creo que debemos, tanto como escritores e escritoras como lectores ou lectoras, abrir ese mundo de palabras á sociedade en xeral e tratar de establecer unha relación máis “feliz”, directa e sincera, desprovista de medos e tópicos.

    Outro aspecto que tamén consideraba importante é a falta vínculo, dun espazo común que nos faga sentir orgullosos de escribir, de tratar de manter viva a lingua e a nosa cultura, alén dos nosos gustos ou preferencias e fora de condicionante persoais. Se xuntamos este concepto coa coincidencia física de distintas xeracións de escritores e escritoras vertendo os seus versos con total normalidade e convivencia estaremos transmitindo todo o exposto anteriormente.

    Estes son, basicamente, as motivacións que me levaron a facer a proposta, sendo coñecedores de que se loitamos por manter viva a poesía estamos traballando por algo noso, por algo que en realidade amamos.

    O que vos pido son dúas cousas: participación e divulgación. Pretendemos que este recital, esta festa da palabra sexa masivo, que participe libremente quen queira o poida, que non quede ninguén fora por descoñecemento. Como imos ter moita afluencia, vai haber unha serie de condicionantes que tratarei, tamén, de resumir:

    1- Cada persoa aportará UN só poema, cunha extensión máxima de medio folio, xa que imos ter pantallas para ler os poemas e se son moi longos non poden aparecer en toda a súa extensión cun tamaño minimamente lexibles.
    2- É condición obrigatoria a ASISTENCIA do autor ou autora do poema, salvo causa de forza maior, tendo claro que quen envíe poema ten que asegurar a súa presenza en Lugo.
    3- Os traballos serán enviados á conta de correo electrónico seguinte: poesia.maiodelingua@gmail.com
    4- A data tope para enviar os traballos é o día 1 de Marzo

    Máis nada, agardo que vos ilusione tanto este proxecto como a min e coidade que sei que coa vosa axuda e participación isto vai ir para diante cun éxito rotundo, e lembrade que non é cousa miña, é cousa de todos.

    Grazas e pídovos de novo que difundades isto a canta xente podades.

    Un saúdo

    Lino García Salgado

Deixar un comentario