As fotos do Picarabia

Resumo en imaxes (grazas, Pedro Solla!) da nosa sesión da Rabia, celebrada o martes 10 de febreiro. Con Tálata Rodríguez, Lara Rozados e Ataque Escampe (Samuel e Miguel). Agradecendo o apoio das colaboradoras do noso fanzine, o traballo de Marcos Vigo e Niko Alvarellos, e o apoio da Fundación Uxío Novoneyra e do pub Modus Vivendi. Ata moi pronto!

DSC_0728 DSC_0622 DSC_0627 DSC_0633 DSC_0637 DSC_0640 DSC_0641 DSC_0662 DSC_0663 DSC_0673 DSC_0687 DSC_0700 DSC_0713 DSC_0720 DSC_0725

Picaversos da RABIA

Volvemos! Sesión de Picaversos da RABIA, este martes 10 de febreiro ás 21 h. no Modus Vivendi. As rabiosas Tálata Rodríguez, Lara Rozados e Ataque Escampe estarán canda nós. Alí nos vemos.

talata

Tálata Rodríguez (Bogotá, 1978). En 1986 publicou Los pájaros de la montaña soñadora, un libro de poesías e debuxos. Desde 1999 dedícase ao activismo cultural en Bos Aires, onde vive desde 1989. Estudou Letras na Universidade de Buenos Aires. Participo una produción de incontables eventos vinculados á difusión da cultura. Rexentou durante tres anos o emprendemento colomboarxentino cultural e gastronómico La aromática. Escribiu letras de cancións para músicos da súa xeración. Durante catro anos organizou a mostra integral retrospectiva Salón Favio. Actualmente, traballa para a Fundación Augusto y León Ferrari Arte y Acervo como produtora e axente xeral. Desde 2012, dedícase á fusión da poesía oral e á xeración de contidos audiovisuais, vinculados coa aparición de Primera Línea de Fuego, libro obxecto multimedial que vincula cada texto impreso cunha vídeo intervención específicamente creada para el mediante códigos QR.

Nos últimos tempos desenvolveu as experiencias literarias: PADREPOSTAL (conferencia performática baseada nas cartas que lle enviou seu pai durante 12 anos de ausencia), CARITAFELIZNUBECORAZÓNRAYO (literatura de pulgar, nouvelle basada en conversacións de mensaxería instantánea).

lara rozados

Lara Rozados naceu no 82, polo tempo das castañas, na ría de Pontevedra. Con seis anos marchou vivir ás Casas Baratas, en Ferrol, e descubriu que o aire non cheiraba a ovos podres, e que existía a maxia e pode ser de tod@s. Con sete veu ao Barrio de San Pedro, en Compostela, e alí segue despois de estudar xornalismo, tentalo con filoloxía galega, sacar o título de monitora de tempo libre, o curso de aptitude pedagóxica, o carné de conducir e o de manipuladora de alimentos, traballar en medios de comunicación que xa non existen, en campamentos, no teatro… Ás veces cobrando, cotizando, incluso; outras, non. Agora dedícase aos coidados, á educación, formal ou non (máis ben non), ao teatro, a escoitar e contar historias, ao Cineclube de Compostela, e a escribir. Cre na forza do que é colectivo e común. Non cre na propiedade. En ningunha.

ataque

“As Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. Arrástranse desde 2001 polos escenarios, electrificándose de a pouco conforme pasan os anos, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco: Galicia es una mierda (2008), A grande evasión (2009), Violentos anos dez (2011), Noites de agosto con Ataque Escampe (2012) ou O disco vermello (2014), entre outros. Do pop ao soul con paradas no krautrock, na cumbia, no dub, no rap, no calipso e onte vostedes queiran se non lles preocupan demasiado a pureza e esas cousas. Perdedores, perdedoras: deixen as miserias na casa e veñan bailar a súa música sen complexos ao campo da festa de α Centauro”.

Fotos da sesión da PERDA + agradecementos

Fotos de Esther Taboada.

GRAZAS Olga Novo, Lupe Gómez, Martin Wu, Le Roi, Xoán Abeleira, Antía Otero, Iván Marcos, Carlos Meixide, Marga Alborés, Xosé Expósito, Samuel L. París, Camilo Franco, Miguel Ángel Curiel, Helena de Carlos, Gonzalo Vázquez, Anxo Angueira, Silvia Penas, Márcio-André, Alfonso Espiño, Luís Pardo, Lucía Aldao, Luz Pichel, María Lado, Séchu Sende, Raquel Miragaia Anxo Pastor Pablo Fidalgo, Claudio Rodríguez Fer, Renata Otero, Serxio Regos, Ania González, Rosa Enríquez, Elías Knörr, Iolanda Zúñiga, María do Cebreiro, Raquel Miragaia, Anxo Pastor, Alfonso Espiño, Luís Pardo, Lucía Aldao, Luz Pichel, María Lado, Séchu Sende, Ana Romaní, Baldo Ramos, Chus Pato, Bernardo Martínez, Luci Romero Rocío González, Alfonso Pexegueiro, Manuel H. Portolés, Xavier Lama, Samuel Solleiro, Mariña P. Rei, Ana Gorría, Xesús Ron, Alexandra Lores, Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Luís Valle, Teófila Noemí Ruiz, Alfonso Barata, Mark Wiersma, Juan Carlos Suñén, Pablo Vidal, María Costas, Francisco Cortegoso, Rosa Enríquez, Comba Campoy, Benjamin Panou e Coralie Yap-Chine, Claudio Pato, Agustín Delicias, Arantza Villar, Miguel Ángel Curiel, Helena de Carlos, Gonzalo Vázquez, Manuel Outeiriño, Estíbaliz Espinosa, Manuel Cortés, Elías Knörr, María do Cebreiro, Iolanda Zúñiga, Grupo Ouriol, Sin Red, DandyLady, Celia Parra, Laura Villar, Juan Bello, Jesús Castro, Alba Cid, Manuel Darriba, Clara Gayo, Celso Fernández Sanmartín, Gonzalo Hermo, O Leo i Arremecághona, Maite Dono, Marta Pedrosa, Mario Regueira, Elvira Riveiro, Berta Dávila, Paco Macías, Iago Martinez, Ildefonso Rodríguez, Cova Villegas, Carlos Santiago Marta Pazos , Víctor M. Díez, Felipe Zapico, Juan Carlos Valle “Karlotti”, Yolanda Castaño, Najla Shami, Piedad Cabo, Alicia Fernández, Paula Carballeira, Pilar Pereira, Fantoches Baj, Xiana Arias Xosé María Álvarez Cáccamo, Dores Tembrás, Nuria Sanz, Eva Veiga, Estevo Creus, Mónica de Nut…

GRAZAS Modus Vivendi, Estrella Galicia, USC, A.C. Compostela Vella… Marcos Vigo, Chema, Manu, Lolo, Esther, Xes, Pedro, Patri, Moni, Lilian, Mercedes… A todas as que nos botastes unha man e ESPECIALMENTE… @s fieis, amig@s da poesía e dos bares que viñestes ás sesións de Picaversos a escoitar poesía e outros sons, en silencio e con tanto respecto sempre… Entrementres facemos stop para pensar que facemos, queríamos darvos as GRAZAS!

Branca e Olalla.

Convocamos a PERDA (II)

Tiñamos reservada unha sesión na Casa de Europa, a mercé da colaboración da USC co noso ciclo, dedicada á poesía lusófona, mais como houbo que cancelar a sesión da PERDA no Modus Vivendi, decidimos recuperala agora. E así, a modo de broche ¿en suspenso?/¿final? dos Picaversos deste curso -ata que as cousas se aclaren e se poidan organizar cousas con micrófonos nos pubs de Santiago sen medo a unha multa-, recuperamos a Berta Dávila, Elvira Riveiro, Martín Wu e Le Roi (que volven case 3 anos despois daquel primeirísimo Picaversos) para esta sesión da PERDA ou d@s PERDID@S (que vén moi a conto!).

Será ás 21 h. o martes 22 de ABRIL na galería da fermosa Casa de Europa. NON A PERDADES!!! 😉

Berta Dávila

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de libros de poemas como Corpo baleiro (2007) ou Raíz da fenda (Xerais, 2013), Premio Johán Carballeira de poesía. No eido da narrativa iniciouse coa novela Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido ao castelán e ao xaponés. Recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol no 2013 pola novela O derradeiro libro de Emma Olsen, editada por Galaxia a finais do mesmo ano.

Elvira Riveiro

Elvira Riveiro Tobío (Pontevedra, 1971) publicou Andar ao leu (2005), Arxilosa (2005), Palabras brancas (2008), Biografía da Multitude (xunto con Silvia Penas, 2009), carnia haikai (2012), corpos transitivos (2013) e As redes de Inés (2014). Ten ademais poemas e relatos publicados en diversas revistas, libros colectivos e antoloxías. Últimamente colabora en proxectos de videocreación, performance e recitais coa dj alemá Carina Posse.

roi e martiñoLe Roi e Martin Wu, músicos de Grampoder. Fan rock portátil, e quizais os coñezades de aventuras anteriores como The Homens, Stay Pretty ou Fame Neghra. Aquí podedes escoitalos: http://grampoder.bandcamp.com.

Romance marrao de Agustín Delicias (cantado no Picaversos ORIENTAL de Entroido por amigo Xacobe Varela)

Escoiten ben esta historia

das montañas do Courel,

os que teñan boa memoria

lembren o que pasou nel.

Pero os nenos e as señoras,

alomenos as decentes,

marchen ou garden as choras

se quedan aquí presentes.

Contarei con gran ledicia

esta historia verdadeira

do Agustín e mais da Alicia

na devesa da Rogueira.

Estaban no cuarto quentes

dados ao amor e a lectura

mais ela andaba algo inqueda

non había cobertura.

El achegouse á xanela,

quitou coa man o visillo:

“—Mira, Alicia, esa penela,

xa lle dá o sol o seu brillo”.

Alá na fronte un outeiro

cunha terra ben labrada

e paredes de canteiro:

é o lugar de Parada.

“—Imos logo pra Parada

que che está a máis altura,

se non dás feito a chamada

xa che dou eu cobertura.”

E despois de darlle brea

unha vez máis á perrecha

saíron cara a esa aldea

veloces coma unha frecha.

Fumegaban os tellados

e refulxían os campos,

e ían ledos polos prados

aproveitando o estrelampo.

Mais pararon nunha veiga

a metela polo ano,

e botaron ben manteiga

pra non se faceren dano.

Cantaruxando cantigas

bonitas coma as de antes,

e con proído de ortigas

camiñaban os amantes.

Unha vella veu cun cesto

polo camiño do val

“—Que leva, muller, que é esto,

é un dilatador anal?”

“—Pois si, meniña, éche iso!

Se te cansa por diante,

isto déixache o cu liso

e non cómpre lubricante”.

E xa lles faltou o tempo

de probar a ferramenta,

ora metíana rápido

ora un pouquiño máis lenta.

Con tanto darse aloumiño

e con tanto entretemento,

caeu a noite no camiño

e comeza o truculento.

As bestas saían dos tobos

e a curuxa no arboredo

retrucáballes aos lobos

cun chío que metía medo.

Xa non taban pra cantigas

nin pra darse ás porcalladas,

Agustín só facía figas,

Alicia estaba espantada.

De golpe nunha retorta,

coas azas tronzando a nebra,

nun agoiro de liorta

revoou unha noitebra.

Logo sentiron uns pasos

que se achegaban axiña

e á vida deron repaso

coa pel toda de galiña.

Con voz baril Agustín

preguntou se era cristián,

e respondeu un vicín:

“—Sonche eu un pobre ancián.”

“—Ai meu deus fóra a ialma,

pensei que era o xabarín,

xa coidabamos sen calma

que chegaba a nosa fin.”

“—Acougai ben meus amigos,

candia min vinde prá casa,

heinvos de dar uns abrigos

e uns iscos feitos na brasa.”

O vello atizou o lume,

xa pasaba dos oitenta,

e Agustín que aínda é fume

non prevía a cornamenta.

Sentaron pé da lareira

e tomaron caña branca,

Alicia bebeuna enteira

o vello pasou a tranca.

Nesa aparece a parenta

ver cal era a novidade,

e púxose ben contenta

cando viu a mocidade.

Agustín todo abraiado

con esa vida oriental,

sentíase no pasado

dentro dun documental.

E convidouno a patrona

probar o viño da adega

e pediulle que na cona

lle dese amor cunha frega.

Como gosta do marisco

e do saibo das parrolas,

comeu xunto co petisco

ladillas coma centolas.

Entrementres na cociña

dáballe Alicia ao percebe,

tanto que a birbirichiña

lle quedou chea de prebe.

Agustín medio peneque

de tomar viño con breva,

ou botaba unha soneca

ou continuaba na enfreba.

Esquecéndose da Alicia

pediulle á vella unha cama

e levouno con malicia

ao faiado a madama.

Xa estaba con Morfeo

durmindo coma un bendito

cando espertou cun meneo

e viu algo inaudito.

El decúbito no leito

e por riba súa o oso,

a bater coas mans no peito

fóra o corpo cavernoso.

O oso case lla espeta

érache un bo enredo,

pero había unha escopeta,

descargoulla no penedo.

O animal pegou un berro

que se escoitou en Monforte

e aínda a tiña coma un ferro

mesmo nas portas da morte.

E cal foi a gran sorpresa

cando tirou de pelica

e tras da pirola tesa

era o Lopo que é marica.

“—Pero Antón, ti estás ben louco!,

garda o teu membro viril,

e non digas que é un penouco

se vén a Garda Civil”.

Non ouviron na cociña

o estarrecedor berrido,

que a Alicia coa sardiña

ben forte daba xemido.

O vello amasaba nela

mentres a saia recacha,

e cunha vella espadela

batíalle ben na cacha.

Logo montou dacabalo

botando enriba da sela,

malia ter na cona calo

ía coma unha cadela.

Que é toda esa enxurrada

que non a lembro en Galicia?

Non é río nin é lava,

é o fluxo da Alicia.

E con tanta feromona

o Agustín e mais o Antón,

tocaron nas súas zanfonas

este romance porcón.

E aquí acaba esta historia

dunha noite polo Ourente

que lles cantou de memoria

un gaiteiro de Ourense.

Lembren ben este suceso

e adevirtan as súas fillas,

non lles marchen cun traveso

e lles volvan con ladillas.

Fotos dos ORIENTAIS

Aquí a galería fotográfica dos Picaversos ORIENTAIS celebrados o martes de Entroido, coa intervención de Arantza Villar, Claudio Pato, Agustín Delicias e o seu colaborador Xacobe Varela.

Grazas, Esther Taboada!

Picaversos ORIENTAIS

Presentámosvos aos nos@s convidad@s para a sesión especial do martes de Entroido, 4 de marzo, dedicada ao ORIENTE, ás 21 h. no Modus Vivendi.

E convidámosvos a vir disfrazad@s deste este punto cardinal.

claudioClaudio Pato Díaz (Ourense, 1962) escribiu Se o bruído e o amonal na casa das abellas (1991), Libro de Xacobe (1992), O almorzo do pintor de iconos Andrei Ruvlef (Xerais, 1997), Unha vida de traballo nos bosques do cánavo (Xerais, 2002) e Como estas? (estaleiro editora, 2011). Participou nos libros colectivos Poetas galegos en Madrid (Ed. do Castro, 2001) e Xuro que nunca volverei pasar fame, poesia escarlata.

agustinAgustín Delicias (Sanxenxo, 1985). Poeta de formación autodidacta. Vive nun barco e volve á Galiza nos meses de verán e polo Entroido. O resto do ano navega polo mundo á procura de menceres e palabras. Os seus versos foron aparecendo en varios soportes e formatos. Unha das súas intervencións máis exitosas foi, en xuño do 2009, a publicación do conxunto efémero Coa preamar nas veas. A obra, escrita na area da praia dos Bois da illa de Sálvora, púidose ler tan só nas seis horas que van da baixamar á marea alta. Levou a súa voz por distintos certames poéticos, entre os que destacan o Festival da Palabra do Cabo da Boa Esperanza (África do Sur) ou as Noites Poéticas da illa do Corvo (Açores). En Edicións do Lonxicornio viron a luz os poemarios Salitre (2003) e Ambrosía on the rocks (2011).

arantza

Fotografía de Iván Barreiro

Arantza Villar (Compostela 1976) é actriz. Formouse na escola de teatro e danza Espazo Aberto do ano 2000 ao 2003 e fixo formación regular de Baile Flamenco na escola El Taller do 2003 ao 2006. Realizou cursos específicos de clown, teatro de rúa e cabaré e nos últimos anos acercouse ao mundo da danza contemporánea realizando diversos cursos en Cataluña e Galiza.
Comezou a súa carreira profesional a finais do 2005 realizando unha sustitución no musical “Misiles Melódicos” de Sanchís Sinisterra, unha coprodución do Centro Dramático de Aragón e o Centro Dramático Galego. Participou como actriz en varios proxectos das compañías Pistacatro Produtora de Soños e Nut Teatro.

Impartiu clases de iniciación ao Baile Flamenco na escola de danza o Laboratorio de Movementos e coordinou durante anos a programación flamenca da Borriquita de Belém.

Actualmente forma parte do elenco de “Eurozone”, produción teatral do Grupo Chévere, compañía coa que ven traballando desde hai anos e coa que pronto estreará “Viaxe ao País dos Ananos”.

Fotos do Picaversos Franceses

Velaquí a galería fotográfica do Picaversos do 25 de febreiro, coa participación de Francisco Cortegoso, Rosa Enríquez, Comba Campoy, Benjamin Panou e Coralie Yap-Chine. Desta vez foi na Igrexa da Universidade, grazas á xenerosa colaboración da USC.

A autoría das fotos é de Pedro Solla.

O martes 25 de febreiro chegan os FRANCESES

toutestpossibleTodo é posible baixo a influencia francesa!

O martes 25 de febreiro ás 21h. na Igrexa da Universidade celebramos os Picaversos FRANCESES dedicados á poesía francesa de todos os tempos.

Escoitaremos á xornalista e actriz Comba Campoy, aos poetas Fran Cortegoso e Rosa Enríquez, á cantante Coralie Yap-Chine e ao lector da Escola de Idiomas Benjamin Panou cos seus poemas e poetas favoritos traducidos ao galego e no seu francés orixinal.

Vide a escoitar poesía de balde nesta sesión que organizamos en colaboración coa USC e coa que queremos difundir a poesía entre o público universitario.

Dende ás 18h. queceremos cun Taller de Lectura Sincronizada dirixido por Colarie Yap-Chine  sobre un fragmento da “Cinquième promenade” das Rêveries d’un promeneur solitaire de J.J. Rousseau. Tedes ata o luns 24 ás 12h. para formalizar a inscrición:

http://lapetiteplume.jimdo.com/talleres-la-petite-plume/intervencións

Taller de lectura sincronizada

O martes 25 de febreiro celebramos unha sesión especial de poesía FRANCESA na igrexa da universidade, onde participará, entre outr@s convidad@s, a cantante Coralie Yap-Chine.

Co gallo desta sesión, Coralie organiza un TALLER DE LECTURA SINCRONIZADA a partir das 18 h.

Deixámosvos aquí a información:

ATELIER – LECTURE SYNCHRONISÉE sur un texte de Jean Jacques Rousseau
Orixinal taller de lectura sincronizada sobre un fragmento da “Cinquième promenade” das Rêveries d’un promeneur solitaire de J.J. Rousseau.

Como escribía o cantante Léo Ferré na introdución de “Poètes…vos papiers” en 1958, a poesía ten que ser escoitada coma a música: “[A poesía] adquire o seu sexo coa corda vocal do mesmo xeito que o violín adquire o seu co arco que lle toca” (tradución de Coralie)”.

Este taller está destinado a todas as persoas interesadas na lingua francesa, sexan falantes ou non. As palabras de J.J. Rousseau serán a nosa partitura de lectura. Reflexionaremos e traballaremos sobre o ritmo, a prosodia e a intensidade deste texto escrito en prosa poética e converterémonos nun coro de lectores. O obxectivo, máis aló dun descubrimento ou perfeccionamento dos aspectos fonéticos do francés e da literatura francesa, será vivir unha experiencia artística.

Inscricións abertas ata o luns 24 de febreiro de 2014 às 12h.

Máis información: http://lapetiteplume.jimdo.com/talleres-la-petite-plume/intervencións

Autobiografía de Coralie Yap-Chine

Nacín o 1 de xuño de 1984 nun pobo a uns 12 kilómetros de París,
chamado Saint Maur des Fossés. Vivín toda a miña adolescencia nunha
das cidades máis artísticas e creativas do planeta, París. Foi a miña
sorte; creo que se non me tivese sido tan doado ter acceso ás grandes
bibliotecas, ás salas de música en directo (o jazz!), aos cines e aos
teatros tería sido bastante infeliz. A segunda parte da miña vida
paseina en Galicia. E foi aquí, moi lonxe, onde perdín primeiro a
vergoña e logo o medo á creatividade. Non son unha persoa divertida.
Pero dende entón divírtome moito. Canto a Edith Piaff, a Nougaro, a
Ella Fitzgerald ou a Bill Evans… Vexo películas e páganme por iso,
cantaruxo e chámame Seoane (Pablo, o pianista) e outros grandes para
min. Converso con intelectuais e con hiphoperos, e con intelectuais
hiphoperos tamén… E acabo na Pontepedriña

coralie

Picaversos JAZZ

Este martes 28 de xaneiro (21 h. Modus Vivendi) temos unha cita coa poesía e o jazz da man de tres convidados de excepción:

María Costas (Vigo), é cantante e actriz e profesora de canto e técnica vocal. Foi fundadora de Teatro Artello e colaborou con Teatro de Ningures. Os seus últimos traballos no teatro foron no musical Galicia Caníbal e Da Vinci tiña razón, de Produccións Excéntricas. Traballou para diversos programas televisivos, como cantante, presentadora e actriz. Na actualidade forma parte do grupo ELIELA.

Podedes completar aquí a súa extensa traxectoria profesional e ver algúns dos seus traballos.

maria

Pablo Vidal Mendoza é contrabaixista. Despois de participar en grupos da “movida”, arranxar e traballar como músico de sesión, actualmente compón, grava e produce música con recendo a mar no seu lar-estudio ao carón da Ría de Arousa. Forma parte de numerosas formacións musicais (“Proxecto Sapoconcho”, “Sons de Cine”, “Steps 4 Jazz”, “CoraSons”, “Eliela” etc.) e está a traballar en varios proxectos músico-literarios que verán a luz durante o 2014.

pabloJuan Carlos Suñén (Madrid, 1956). Poeta e crítico literario, reside en Magaz de Abajo, no Bierzo. Ten publicado crítica literaria nos diarios El País e ABC, así como en distintos medios, exercendo tamén de caricaturista ocasional. Actualmente colabora en Revista de Occidente, no suplemento cultural El Cuaderno e en Micro-revista. Foi cofundador, en 1989, da Escuela De Letras, institución pioneira nos estudos literarios independentes que dirixiu desde 2002 ata o seu peche (2010) e onde ditou clases de técnicas narrativas e de poesía. Dirixiu a colección Últimos clásicos (novela) da editorial Debate, na súa primeira época, e fundou a hoxe tamén desaparecida revista El Crítico. En CentroCentro comisiona as lecturas de poesía española do ciclo Favorables, Madrid, poema. Publicou, entre outros os libros Para nunca ser vistos, Un hombre no debe ser recordado, El hombro izquierdo, El viaje de todos e La habitación amarilla. A súa obra figura en numerosos recontos e antoloxías de poesía española e iberoamericana.

Blog de Suñén

sunen

 

Traducións + fotos dos INGLESES

Deixámosvos aquí as traducións propias dos poema anglófonos que leron algúns d@s convidad@s á última sesión. Xa que pasaron ese traballo consideramos que é interesante deixar constancia del 😉

Queremos agradecer especialmente a colaboración de Alexandra Lores, Alfonso Barata e Mark Wiersma, que se prestaron a ler en inglés.

Mañá toca Picaversos INGLESES

Mañá martes 10 de decembro o Paraninfo da Facultade de Historia acolle unha sesión especial de Picaversos dedicada á poesía escrita en inglés.

Algúns poetas e “outras especies” que pasaron polo noso ciclo de lecturas poéticas ao longo destes dous anos recitarán textos das súas autoras e autores anglófonos favoritos traducidos ao galego e máis na súa versión orixinal. Os participantes son Mariña P. Rei, Alexandra Lores, Gonzalo Hermo, Antía Otero, Ismael Ramos, Luís Valle, Teófila Noemí Ruiz, Alfonso Barata e Mark Wiersma.

Coa celebración desta sesión, na que colabora a Universidade de Santiago de Compostela, Picaversos –o único ciclo regular de lecturas poéticas que se celebra na nosa cidade- quere abrirse á poesía escrita noutras linguas. Máis adiante, en febreiro, haberá unha sesión dedicada á poesía escrita en francés na igrexa da Universidade, e en abril outra dedicada á lusofonía, que se celebrará na Casa de Europa.

Os Picaversos ingleses comezan mañá ás nove da noite e a entrada é de balde.

Sesión especial INGLESES

A poesía de todos os tempos escrita en inglés protagonizará o Picaversos deste martes 10 de decembro, desta vez no Paraninfo da Facultade de Historia (grazas á colaboración da Universidade de Santiago de Compostela). 

Será a partir das 21 h. Poetas e outras especies compartirán os seus poemas favoritos traducidos ao galego e escoitaremos tamén a súa versión orixinal en inglés.

Agardámosvos con este poema de Linda Gregg na mente:

“Adulta”

Volvín ao país onde fun feliz
cambiada. A paixón xa non me impón terribles esforzos.
Pregúntome que remprazará o desexo.
Quizais eu sexa a pantasma da miña propia vida volvendo
aos sitios onde vivín mellor. Camiñando por acó e por aló,
facendo sinais cando vexo algo que amei fondamente.
Agora estou na miña casa escoitando os mouchos
e preguntándome se pouco a pouco irei recuperando a pel.

“Adult” 

I’ve come back to the country where I was happy 
changed. Passion puts no terrible strain on me now. 
I wonder what will take the place of desire. 
I could be the ghost of my own life returning 
to the places I lived best. Walking here and there, 
nodding when I see something I cared for deeply. 
Now I’m in my house listening to the owls calling 
and wondering if slowly I will take on flesh again.

Sesión “Máis alá”

Velaquí os tres nosos convidados para os Picaversos Máis alá, este martes 26 de novembro ás 21 h. no Modus Vivendi.

“Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!”

Manifesto “Máis alá” (1922)

Manuel H. Portolés (Baiona – Pontevedra, 1981). Considérase letrista e compositor pero sobre todo músico da banda Niño y Pistola. Sempre foi de ciencias, e mesmo empezou a carreira de Física aquí en Santiago, que finalmente abandonou para centrarse en eidos máis creativos como son o cine (formouse en fotografía, pero exerce máis de guionista e director de videoclips), o deseño gráfico (que é o que lle axuda a pagar o aluguer cada mes) e sobre todo a música, que é a súa verdadeira vocación.

manolito

Xavier Lama naceu na provincia de Lugo. Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Universidade Complutense de Madrid. Traballa no ámbito televisivo e durante doce anos foi profesor de Comunicación Audiovisual na USC. Ten obra publicada como autor de teatro, poesía e narrativa, pola que obtivo algúns premios literarios. Destacan os seus libros Tigres como Fausto con ollos de bruma (2006), Melancolía líquida da idade das vacas (2008) ou Cabalos do alén na cidade das fábulas (2009). Considera que a poesía é líquida coma o sangue e tamén brétema, lóstrego, tigre de ollos orfos, lámpada e fusil, bulevar do imposible, colmea misteriosa do tempo, oración da revelación e do desamparo.

XavierLama

Samuel Solleiro (Tui, 1982). Ten publicados libros como dz ou o libro do esperma (2006) ou Gran tiburón branco (2012). Fai parte do grupo de rock Ataque Escampe, do selo musical Discos da máquina e do colectivo Estaleiro Editora. Mantén o blogue duaszebras.blogspot.com. En poucas semanas publicará o libro Punk.

samuel

Picaversos 2013-2014

Aquí vos deixamos o flyer coas datas da programación deste curso. Como novidade, este ano haberá tres sesións dedicadas á poesía escrita en inglés, en francés e máis en portugués que terán lugar en diversos espazos cedidos pola Universidade de Santiago: o Paraninfo, a Igrexa da USC e a Casa de Europa. Iremos informando máis polo miúdo destas sesións especiais.

flyer flyer

Ademais, este ano organizamos en colaboración coa libraría Lila de Lilith un obradoiro que impartirá a poeta Dores Tembrás, que xa abriu o seu prazo de matrícula. Será os días 22 e 23 de novembro (en horario de 19 a 21 h. e de 10.30-13-30 h. e 17-20 h.) e xirará arredor destes eixos:

Programa “Na vertixe: construir o poema”

-POESÍA

Acontecimento poético
Poema: misterio e técnica
Linguaxe: chispas metálicas
Teoría das ondas concéntricas
Silencio: a música do poema

-PARA EVOCAR

GRANDES palabras
Tópicos
Mallarmé: As palabras da tribo
Do íntimo ao universal.
Estrañamento

-ENTRE EMOCIÓN E MENSAXE

A trampa
Motor do poema
Exercitarse: materia
perda
escrita

Picaversos non sería posible sen o apoio e a colaboración do pub Modus Vivendi, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Uxío Novoneyra e máis Estrella Galicia.

E por suposto, estamos sempre agradecidas a Marcos Vigo, autor da imaxe de Picaversos e deseñador de todo o noso material gráfico.