Picaversos de Viaxes

Este martes 13 de marzo o Picaversos versará sobre a Viaxe. Da man dos poetas Juan Carlos Valle “Karlotti” e Yolanda Castaño e a cantante Najla Shami partiremos da corte dos cabalos que foi a parte baixa do Modus Vivendi cara onde eles tres nos queiran levar e ata onde nós nos deixemos ir.

Como sempre, ás nove da noite.

JUAN CARLOS VALLE ‘Karlotti’
Naceu por primeira vez en Maside. Posteriormente renacerá en tantas ocasións como episodios iniciáticos adornan a súa intensa biografía.
Poeta, viaxeiro e axitador tabernario, sempre na órbita dunha vangarda lúdica e militante, abraza a esencia da vida descalza e libérrima, escapando de todos os estamentos que o queren domesticar (familia, traballo, estado).

Froito da súa constante experimentación vital, participou en movementos políticos ou literarios en León e Valladolid; percorreu unha imaxinaria ruta da seda até a India durante dous anos de deriva psicoxeográfica; compartiu bares alternativos trenzados a base de jazz, poesía e amizade (“El cafetín del largo Adiós”, “El Farolito”), e plasmou unha pequena parte da súa aprendizaxe en revistas e libros colectivos, máis concretamente no seu poemario persoal Todos los jueves salvo la luna. Cabe apuntar, tamén, que é un dos promotores do Festival de Poesía Salvaxe de Ferrol.

A maior parte da sabedoría destilada pola vivencia radical de Karlotti permanece inédita. No seu libro “Postais de fume”, publicado hai poucos meses pola asociación de cidadáns de Ferrol Fucobuxán, podemos afondar nunha das personalidades máis singulares e fascinantes da cultura non oficial ibérica.

NAJLA SHAMI
“Mestizaxe” é a palabra que define a esta artista nacida en Santiago, de pai palestino e nai galega. O seu sangue é reflexo desta mestura, factor que define toda a súa traxectoria musical. A súa curiosidade pola música aflora moi cedo, influenciada pola
diversidade e riqueza de sons ós que tiña acceso no seo familiar e a musicalidade dos seis pais e irmáns. Con nove anos comeza os seus estudios no Conservatorio de Ourense, escollendo como instrumentos principais a voz e a guitarra. Durante esta formación, a polifonía toma cada vez máis peso dentro das súas preferencias o que a leva a formar parte de diversos coros na vila na que vivía. Aos 17 anos cursa estudios de Mestre en Educación Musical. Comeza a compoñer as súas primeiras cancións cara 1994 e uns anos despois forma a súa primeira banda, con temas orixinais, inaugurando o seu camiño no eido profesional. Recibe clases de técnica vocal, impartidas polo profesor Ramón Bermejo, e no ano 2000, pasa a formar parte do grupo de folk Fía na Roca, formación coa que estaría un par de anos.
A súa curiosidade e o gusto polo eclecticismo lévaa a cursar os estudios de Música Moderna en “Estudio Escola de Música” e é aquí onde descubre o jazz, estilo que influenciará profundamente a súa linguaxe. Durante esta etapa, crece o seu interese polos conxuntos vocais, participando activamente en distintos coros: O Coro da Rá, de música moderna, co que grava un spot para “1906”. O Coro da Agemm, de temática músicas do mundo, co que viaxa a Trondheim (Noruega) e participa no VI European Youth Music Festival no ano 2000. O coro do curso de Improvisación Musical SOUND PAINTING dirixido por Walter Thompson.
Forma parte do quinteto jazz vocal OS TRISTÁNS. Traballa coas compañías OS SETE MAGNÍFICOS MÁIS UN, O PAÍS DA COMEDIA (Carlos Blanco e Nordesía Produccións), IMPLANTADOS (Antón Lopo e Branca Novoneyra). É vocalista e compositora no grupo de funk-retro CINNAMON GUM co que graba o disco “The Past to Come” (Enterphonics, 2003). Integrante na batucada brasileira TRÓPICO DE GRELOS, na que estuda percusión e música brasileira e indaga na música africana. Colabora activamente co virtuoso guitarrista afincado en Miami MICHEL GONZÁLEZ no seu proxecto conxunto “Meridiano Cero”.
O ano 2004 representa un punto de inflexión na súa carreira e trasládase a Bombay (India). Alí toma clases de técnica vocal hindú no JIVI (Jazz-India Vocal Institute), dirixido por Niranjan Jhaveri e impartidas por Dhanashree Pandit-Rai. Esa viaxe transforma a súa musicalidade interior, a súa linguaxe vocal e a súa persoa. Alí traballa coa compañía GALILEE Superstar (The Entertainment Co.) dirixida por JOE ALVARES e pasa a formar parte da súa banda.
Cun crecido interese nas músicas do mundo e na fusión, regresa a Santiago e entra a formar parte da banda SAFARI ORQUESTRA na parte vocal e compositiva coa que publica o álbum “Ben Deitei” (Ouvirmos, 2010). Ó mesmo tempo funda co guitarrista Héctor Lorenzo o proxecto LOBALÚ, unha das formacións máis estables da cantante e compositora a cal, mestura o jazz, a música brasileira e a música galega que converxen en composicións orixinais de gran singularidade. No seu primeiro traballo de estudio Haikus (Inquedanzas Sonoras, 2011), colaboran músicos de prestixio como o violinista Quim Fariña (Berrogüetto) integrante e co-fundador da formación, e colaboran outros como Guillerme Fernández (Berrogüetto, Espido), Pedro Pascual (Marful), Michel González, Álvaro Vieito, Miguel Queixas (Nova Galega de Danza), entre outros.
Paralelamente, continúa o seu proceso de formación vocal con cursos de técnica VOICE KRAFT impartidos pola foniatra Marisa Lois, a profesora Helen Rowson, Sarah Stephenson, Charlotte Shorthouse e Alexandra Morales (Liverpool e Barcelona) do 2005 ó 2007. Recibe clases de improvisación jazzística coa cantante Celia Mur e de técnica clásica coa soprano Mercedes Hernández. Nos últimos anos, vén combinando as súas dúas paixóns: a ensinanza e a música.

YOLANDA CASTAÑO

(Santiago de Compostela, 1977) Poeta, videocreadora, columnista e activa dinamizadora cultural, co-dirixe un ciclo de recitais mensuais con poetas galegos/as e internacionais no Ágora (A Coruña) e o festival de poesía PONTEPOÉTICA en Pontevedra. Durante 5 anos e medio co-presentou un concurso cultural diario na TVG e publicou 3 columnas semanais na prensa galega. Dirixiu obradoiros literarios e ofrece recitais poéticos dentro e fóra do país. Premio da Crítica Española 1999, Premio Espiral Maior 2007 e Premio Ojo Crítico 2009, Yolanda conta con 5 poemarios individuais, edicións bilingües (galego-castelán) realizadas por ela mesma e tres libros de poesía infantil. Interesada na fusión da poesía con outras linguaxes creativas, desenvolve experiencias que a vencellan á plástica, a música, a performace, a danza ou o audiovisual, xa sexa en solitario, en colaboración con outros artistas ou xunta o grupo Tender a man. Recibiu a bolsa de creación en residencia da ‘Villa Waldberta’ (Munich). A súa obra apareceu representada en multitude de revistas, libros colectivos e antoloxías tanto galegas como estatais, así coma en numerosos festivais de Europa e América, téndose traducido en parte a máis dunha decena de linguas.

Deixar un comentario