Así foi Wislawa

O último Picaversos estaba dedicado á grande poeta Wislawa Szymborska. Ela transformou o intre en abstracción e asombro centrada nunha continua reflexión sobre o tempo.

Os títulos dos poemas de Szymborska son certeiros, condensan o intre como pensaba Bachelard. Foi unha poeta atípica, non podía ler un libro enteiro, só poemas soltos, espazadamente. Falaba da concentración necesaria, da decisión de encher cada intre de sentido, de habitalo, de encarnalo. Isto é o que nos  emociona de Wislawa, poeta preferida de moitos lectores ocasionais de poesía. Ela téndenos unha ponte abstracta que conecta o máis concreto da existencia.

No ano 1996 recibiu Nobel. “Un desastre” dixo ela. Pero nós puidemos acceder á súa poesía en castelán. No inicio deste mes morreu en Cracovia,  cidade onde viviu dende os 8 anos. Emocionadas tiñamos prevista a presentación de  “Versos Escollidos”, Szymborka en galego por fin en Edicións Positivas. E seguimos co plan, estritamente,  xa que pensamos que a mellor forma de recordala e de celebrala era léndoa.

En Picaversos seleccionamos con moito tino os convidados de cada sesión. Procuramos sempre a pluralidade para que a amplitude de miras e de gustos reverta na riqueza dos encontros. Pero hai un requisito imprescindible: a lectura ou a posta en escena ha de ser coidadosa e os lectores e lectoras teñen que amar (ou odiar!) os textos que nos traen.

A parte baixa do Modus encheuse de expresividade, de intensidade e de paixón. Da elegante ironía de Wislawa. Así nola transmitiron as catro convidadas:  a xornalista Piedad Cabo, as poetas Olga Novo, Alicia Fernández e a actriz e escritora Paula Carballeira.

Olga Novo recitou os seus poemas favoritos: “Amor feliz” e “Amor a primeira vista”, e tamén “El bastón de laca” de Borges  e estoutro poema de José Ángel Valente. E da súa propia autoría “Pandeirada das tres cereixas”.

Alicia Fernández leu “Agradecemento”, “Posibilidades”, “Falta de atención” e “Aquí”. Paula Carballeira escolleu “Palabriñas”, “Vietnam”, “Fillos da época”, “Escribir un currículo”, “O odio” e “Exemplo”.  Piedad, que traía un broche chulísimo coa foto de Wislawa para a ocasión, escolleu “Prospecto”, “Na estación”, “Unha do montón” e “Nada de seu”.

Tivemos a sorte de que á sesión viñeron, ademais da tradutora do libro de Positivas, Lucía Caeiro, dúas rapazas polacas, Natalia e Ágatha, que leron o primeiro e último poema da sesión Wislawa na súa versión orixinal, en polaco. Nosoutras non sabemos nada de polaco, como a maioría dos que estábamos alí, pero soaba realmente ben. Alegre, poderoso e delicado, como a mesma Wislawa. Leron como se as palabras dela tivesen por debaixo un fiíño de música silvestre.

Proximamente, colgaremos algún vídeo da sesión… Prometido!!!

*Fotos Cortesía de Comba Campoy.

Especial Wislawa Szymborska

A xornalista Piedad Cabo, as poetas Olga Novo e Alicia Fernández e a escritora, contacontos e actriz Paula Carballeira poñerán voz aos poemas de Wislawa Szymborska, a poeta, ensaísta e tradutora polaca que foi premio Nobel de Literatura en 1996 e que finou o pasado 1 de febreiro.

Será este martes 28 de febreiro ás 21.00 h. no Modus Vivendi, na sesión dedicada en exclusiva a Wislawa.

*Foise Wisława Szymborska, á súa maneira, serena e quizais con certa retranca. Deixounos moitísimo, unha inmensa poesía. Soubo da edición en galego dos seus poemas. Estaba contenta con esta edición. Mesmo nos fixo dos dos seus famosos collages para a edición. Será eterna.

 

 

 

Ausencia

Faltoulle pouco

e miña nai podería ter casado

co señor Zbigniew B. de Zdunska Wola.

E se tivesen unha filla, non tería sido eu.

Quizais con mellor memoria para os nomes e as caras

e para cada melodía escoitada só unha vez.

Sen equivocación coñecedora de que paxaro é cada cal.

Con excelente nivel en física e química

e peor en polaco,

pero en segredo escritora de poemas

de entrada moito máis interesantes cós meus.

Faltoulle pouco

e meu pai podería ter casado nese mesmo momento

coa señora Jadwiga R. de Zakopane.

E se tivesen unha filla, non tería sido eu.

Quizais máis testana en saírse coa súa.

Sen medo, saltadora a augas profundas.

Propensa á rendición de emocións colectivas.

De continuo vista en varios lugares a un tempo,

pero poucas veces a carón dun libro, máis asiduamente no patio,

xogando á pelota cos rapaces.

Quizais incluso ambas se topasen

na mesma escola e na mesma clase.

Pero non terían sido amigas,

ningún parentesco

e nas fotos de grupo, lonxe unha da outra.

Rapazas, poñédevos aí

–diría o fotógrafo–,

as máis baixas diante, as máis altas detrás.

E sorride fermosamente cando faga o sinal.

Só contade aínda,

estades todas?

―Si señor, todas.

*Nota de Paco Macías, de Edicións Positivas, editorial que publicou en galego parte da súa obra poética no libro Versos escollidos.